O padroado da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres manterá a súa reunión constitutiva este luns

No encontro elixiranse cargos pendentes e abordaranse as primeiras medidas de posta en funcionamento

Archivo - Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.
PARLAMENTO DE GALICIA - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 22 junio 2025 10:56

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jun. (EUROPA PRESS) -

   A Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres empeza a dar os primeiros pasos e o Patronato manterá o seu primeiro encontro este luns no Parlamento de Galicia. De acordo coa norma que a regula, o xefe do Lexislativo, neste caso Miguel Santalices, ocupa a Presidencia do Padroado.

    Fontes de distintas institucións consultadas por Europa Press confirmaron que está previsto que o Pazo do Hórreo albergue o luns pola tarde o encontro no que se formalizará a constitución do padroado, ademais de elixir os titulares da Vicepresidencia e a Secretaría do mesmo.

    Unha vez cumprimentados outros pasos previstos para a Fundación --foi declarada de interese galego-- e constituído formalmente o padroado, o encontro do luns permitirá abordar as primeiras medidas de posta en funcionamento e outras cuestións como a deleganción na Presidencia para as contratacións.

    Como integrantes do Padroado están o propio Santalices e os representantes de PP, BNG e PSdeG na Mesa do Parlamento; así como o conselleiro de Cultura, José López Campos; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto.

A FUNDACIÓN CONSTITUÍUSE EN ABRIL

   A Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, situado na Igrexa de San Domingos de Bonaval e no que repousan os restos de Rosalía de Castro ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, entre outros intelectuais e personalidades de Galicia, quedou formalmente constituída en abril.

   Este trámite permitiu pechar un proceso que se iniciou cando se empezou a desenvolver a lei aprobada por unanimidade no verán de 2023 para sacar do limbo xurídico ao Panteón, que queda identificado normativamente como símbolo de Galicia. Nela determinábase que sería xestionado a través dunha fundación.

   As bases da súa activación empezáronse a sentar nun encontro formal en outubro do ano pasado coa implicación de Parlamento, Xunta, Concello de Santiago e Arcebispado, a quen os Estatutos desta fundación pública de interese galego sinala como fundadores. A fundación naceu cun capital de 30.000 euros.

ESTATUTOS

   Os Estatutos da fundación sitúan o domicilio da fundación na sede do Parlamento de Galicia, na capital galega, e determina como os seus obxectivos honrar a quen se distinguiron en vida "polos servizos prestados a Galicia".

   Os estatutos tamén recollen que o padroado (integrado por representantes do catro institucións fundadoras) dará información "suficiente" dos fins e das actividades da fundación para que sexan coñecidos polas súas eventuais persoas beneficiarias e polas demais interesadas, conforme a normativa sobre transparencia que sexa aplicable.

   Igualmente, garantirase a apertura ao público do Panteón, ben difundindo e fomentando as visitas a este espazo emblemático, ou celebrando actos de recoñecemento e homenaxe ás persoas que están enterradas por parte de organizacións sociais, culturais e políticas, sempre "no marco do decoro e do respecto que deben presidir este lugar".

   A Achidiócesis, unha vez formalizada a cesión da Igrexa de San Domingos de Bonaval, de conformidade co establecido nunha das disposicións transitorias da lei, poderá celebrar, de acordo cos seus usos litúrxicos, actos con motivo dos eventos relacionados co obxecto e as finalidades que enumeran os estatutos da fundación.

   Para cumprir cos seus fins, a fundación poderá fixar convenios ou protocolos, contratos con persoas física so xurídicas, públicas ou privadas; e coordinar as súas actividades con outras que realicen as administracións públicas e as demais entidades do sector público.

   O padroado --que presidirá o xefe ou xefa do Lexislativo autonómico, actualmente Miguel Santalices-- terá, recollen os estatutos, "plena liberdade" para determinar as actividades que, ao seu xuízo e dentro dos fins da fundación e do ordenamento xurídico vixente, sexan as máis adecuadas en cada momento, "coa intención de alcanzar os obxectivos concretos da fundación".

PROTECTORADO E CONSERVACIÓN

   Os estatutos recollen que o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias en materia de cultura e no que respecta ao financiamento, á marxe da dotación inicial, sumará os recursos que consten na sección do Parlamento dos orzamentos autonómicos destinados especificamente á fundación.

   Tamén os que se deriven de contratos e convenios asinados, de rendementos do seu patrimonio, axudas, créditos ou préstamos que lle sexan concedidos ou calquera outro dentro do marco legal aplicable.

   Así mesmo, a disposición adicional terceira fai referencia á conservación da Igrexa de San Domingos de Bonaval e concreta que as obras de mellora, reparación conservación e mantemento "cuxo dereito de uso póidaselle ceder á fundación", conforme ao previsto na lei que a regula, serán a cargo da Administración autonómica polo tempo de duración da cesión.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado