Pontón esixe a Rueda que compareza para explicar "a neglixencia e descoordinación" que "provocou" o incendio de Oímbra

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa.
BNG
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 4 mayo 2026 13:40

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a comparecencia no Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que explique "a neglixencia e a descoordinación" que, apuntou, "provocou" o incendio forestal rexistrado o pasado verán en Oímbra e que foi "o segundo máis grande da historia" de Galicia.

   En rolda de prensa este luns, a líder do Bloque mencionou a información publicada por El País que sinala que o lume foi provocado por unhas rozas da Xunta e do Concello que non foron suspendidas.

   "A neglixencia e descoordinación acabou provocando o segundo lume máis grave da nosa historia, tres brigadista feridos e unha catástrofe ambiental e social. A sociedade galega merece unha explicación e asunción de responsabilidades políticas. Por iso, esiximos a Rueda que compareza para que dea explicacións sobre que fallou", subliñou.

   Así, Pontón cuestionou "como é posible" que a Xunta "non parase os labores de roza que ela mesma contratou", insistindo en que "é evidente que algo fallou" e que se trata "dalgunha neglixencia política".

LIMPEZA FRANXAS DE SEGURIDADE

   Nesta mesma liña, a portavoz nacional do BNG criticou que, "a pesar da gravidade" dos incendios do verán de 2025, o Goberno galego "non estivo á altura".

   En concreto, sinalou que a Xunta "asumiu dous compromisos": "que habería axudas que se abonarían antes de finalizar 2025 e que asumiría a xestión das franxas de seguridade nos concellos de menos de 10.000 habitantes".

   Segundo denunciou Pontón, a día de hoxe o Executivo autonómico "só pagou o 15% das axudas solicitadas por explotacións agrícolas e só restaurou 6.000 das 120.000 hectáreas queimadas".

   "Arde sobre queimado", lamentou antes de insistir en que "o mínimo" é reclamar ao presidente da Xunta "que cumpra co prometido, axilice as axudas ás persoas afectadas e un plan de recuperación do territorio queimado".

   Por todo iso, volveu a preguntar a Rueda "cando vai cumprir a súa promesa" de executar a limpeza nas franxas de seguridade en municipios de menos de 10.000 habitantes, para o que o prazo termina o 31 de maio. "É unha medida clave para a seguridade das persoas ante uns incendios cada vez máis perigosos e destrutivos", remarcou.

   Neste contexto, defendeu un "cambio de rumbo" para facer fronte aos incendios forestais, lembrando que os nacionalistas xa presentaron o plan 'Da cinza á vida', para que o monte "deixe de estar convertido nunha polvoreira".

   "Necesitamos un rural vivo e un territorio que non estea convertido nun gran eucaliptal, e isto é posible se hai vontade política para poder facelo e niso imos seguir traballando desde o BNG, onde sabemos que isto é un problema de país que require cambios estruturais", resolveu.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado