VIGO, 11 Dic. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu que o até agora presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deixe tamén a acta de deputado provincial e dimita "de todas as súas responsabilidades".
En declaracións aos medios este xoves en Vigo, Pontón volveu a "acompañar ás mulleres que denuncian" mostrándolles a súa "solidariedade e apoio" ante unha situación que, apuntou, lle "indigna".
Por iso, remarcou que o BNG mantivo unha postura "clara" desde o primeiro minuto que se coñeceron estas "acusacións tan graves de acoso sexual" contra Tomé, insistindo en que "non pode estar á fronte dunha institución".
"E aí seguimos, cremos que por dignidade e por respecto á política e á cidadanía tiña que dimitir de todas as súas responsabilidades porque é evidente que unha persona con cargos tan graves non pode estar á fronte", subliñou.
Nesta liña, Pontón defendeu que "o ideal" é que José Tomé dimitise "de todas as súas responsabilidades", incluída, engadiu a preguntas dos medios, "a acta de deputado".
"Sería o mellor para a institución e para a política, porque tamén é certo que nos indigna que algo así poida pasar e o máis terrible é que alguén poida pensar que é algo xeneralizado", manifestou.
Neste contexto, volveu a reivindicar que o BNG "fixo o que tiña que facer", actuando "con contundencia" e estando "á beira das vítimas".