O PP defende a legalidade dos concertos do Sergas en Ourense para tombar unha iniciativa que pedía "transparencia"

O PSdeG alude ao informe de Contas con reparos cara ás autorizacións de uso e os populares alegan que xa se traballa para reducilas

Comisión 3ª de economía, facenda e orzamentos do Parlamento de Galicia.
PARLAMENTO
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 28 mayo 2025 13:59

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 May. (EUROPA PRESS) -

   O PP defendeu que os concertos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), e máis concretamente a da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, axústanse á legalidade para tombar unha iniciativa presentada polo PSdeG no Parlamento que pedía maior "transparencia" e cumprir coas recomendacións realizadas polo Consello de Contas.

   En concreto, trátase dunha proposición non de lei (PNL) do Grupo Socialista que contou co apoio do BNG --o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, non asistiu á votación--, pero que non saíu adiante ao votar 'non' o PP.

   Patricia Iglesias (PSdeG) referiuse ao último informe de Contas que sinalaba defectos nos concertos porque non se axustan ás regras de "excepcionalidade e temporalidade", senón que "converte a sanidade privada en sustitutiva da pública".

   No caso concreto da área de Ourense, Iglesias alertou de que os datos dos informes de fiscalización do ano 2022 recollen como se emprega a figura da "autorización temporal de uso" --o 53% das de todo o Sergas-- e prolónganse máis aló do razoable. Ademais, na citada área incrementáronse un 36% os pacientes derivados á privada.

   A deputada do PSdeG aproveitou para lembrar a recente adxudicación do Sergas ao hospital privado Vithas de Vigo, por 1,2 millóns, para derivar cirurxías complexas de pacientes da área de Ourense co obxectivo de reducir as listas de espera. "Pero xa teremos tempo para debate esta nova circunstancia alarmante", apostilou Iglesias.

"UN CLÁSICO DO PP"

   En similares termos pronunciouse a deputada do BNG Noa Presas, quen definiu como "un clásico do PP" as adxudicacións "pouco transparentes" do Sergas, no canto de "garantir a equidade territorial e a boa xestión" do orzamento sanitario, que ocupa en torno ao 40% de toda a Administración galega.

   De igual modo, Presas destacou como "o sistema público ten múltiples doenzas diagnosticadas polo Consello de Contas, que acaban tendo consecuencias reais e palpables no día a día" dos pacientes, especialmente os ourensáns.

   Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, afirmou que a asistencia sanitaria na provincia "non se presta ao mesmo nivel" que no resto do territorio, polo que para o Sergas "é moi cómodo delegar en empresas privadas que seguro que o fan ben, pero non é o adecuado".

POSTURA DO PP

   Fronte ás críticas, a deputada do PP Cristina Sanz acusou ao PSdeG de redactar a PNL "de modo tramposo" e porque "omite apartados que non van ben no relato". Ademais, a popular esgrimiu que a actividade concertada do Sergas é agora "inferior" a cando gobernou o bipartito entre 2005 e 2009: "Foron os campións do que vostedes chaman privatización".

   En todo caso, Sanz dixo que é "falso" que a Xunta non se axuste ao marco legal e aos criterios de complementariedade e subsidiariedade da sanidade privada, porque está "a reducir o peso" das autorizacións de uso.

   A popular tamén defendeu o contrato con Vithas para operar pacientes de Ourense porque busca "reducir as listas de espera" na área.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado