A CORUÑA, 26 Abr. (EUROPA PRESS) -
O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un sismo de magnitude 2.6 con epicentro en Ponteceso (A Coruña), que, aínda que en principio non causou danos, percibiuse en varios municipios próximos.
O organismo estatal sitúa o tremor ás 22.39 horas do sábado. Antes das 23.00 horas, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar de que o sentiron. En concreto, un deles avisou desde Cabana de Bergantiños --límitrofe a Ponteceso-- de que se deixou notar en varias zonas da comarca.
Con todo, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) non foi alertado de danos por este terremoto, que se une a outro de menor intensidade rexistrado un par de horas máis tarde en Vilaboa (Pontevedra); neste caso, cunha magnitude de 1.7, segundo a información proporcionada polo IGN.
Estes súmanse ao total de 16 sismos que se produciron durante a noite do venres ao sábado entre os municipios lucenses de Triacastela, Baralla e Becerreá. Ademais, pasadas as 18.30 horas do sábado, Ourense foi o epicentro doutro tremor de magnitude 1.8.