Rueda dá por "seguro" que Baltar non tentará renovar como presidente do PP de Ourense

O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, durante un paseo polo municipio de Xinzo de Limia.
Agostime - Europa Press
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 15 junio 2023 16:03

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, afirmou este xoves que, após a súa renuncia a seguir na Deputación, o xefe de filas dos populares ourensáns, Manuel Baltar, manterá este cargo até o próximo congreso provincial, pero non tentará revalidar no próximo conclave que convoque a formación.

   "Iso trasladoume el", dixo Rueda, na comparecencia de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, despois de que na pasada xornada agradecese o paso dado polo dirixente ourensán e incidise en que os ciclos teñen un principio e un final.

   A preguntas dos medios este xoves, engadiu que está convencido de Baltar non optará a seguir como líder dos populares ourensáns. "Cando haxa un novo congreso en Ourense, estou seguro de que xa non optará el. Haberá outros candidatos e os compañeiros terán que decidir", esgrimiu.

   Rueda evitou concretar unha marxe temporal para a celebración dese congreso, que non será "inmediato", xa que os populares teñen outras prioridades electorais inminentes. Os Estatutos do PP fixan que os congresos se celebran cada tres anos e o último provincial celebrouse en setembro de 2021, polo que o que o seu mandato formalmente non se esgotaría até o mesmo mes de 2024.

   Con todo, Rueda deu a entender que a previsión non é estender durante todo ese tempo a dirección de Baltar. A intención, afirmou, non é necesariamente "esgotar" os tempos. De feito, lembrou que non sería a primeira vez que os populares adiantan os conclaves en función doutros intereses, e que é unha situación aplicable a Ourense e a outros ámbitos.

   En canto a quen lle substituirá como candidato do PP á Deputación de Ourense, sen dar por pechado que se poida conservar, Rueda esgrimiu que hai "canteira", do mesmo xeito que nas outras provincias. En concreto, foi preguntado polo rexedor de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, do que dixo que lle parece "un magnífico candidato". Iso si, a continuación, precisou que hai "moitos outros" que tamén o serían e lembrou que o alcade vai nas listas ao Senado.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado