Sanidade executa obras de ampliación nun centro de Culleredo que trata a drogodependencia "como unha enfermidade"

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 16 febrero 2008 20:09

SANTIAGO DE COMPOSTELA 16 Feb. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Sanidade, María José Rubio, inaugurou hoxe as obras de reforma e ampliación nun centro da Comunidade Terapéutica Transfronteiriza (CTT) da localidade coruñesa de Culleredo, onde destacou a "necesidade" de xestionar, dende o Sistema Público de Saúde, a drogodependencia "como unha enfermidade".

Esta nova "concepción" da drogadicción marca unha "clara diferenza" co anterior, asegurou a conselleira, posto que "historicamente" esta enfermidade tratábase "con criterios de voluntarismo e beneficencia" que, "actualmente, non son suficientes nin aceptables".

Por iso, segundo confirmou, a Administración sanitaria achegará ao CTT, posto en marcha pola Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga (Aclad), un total de 1.219.617 euros, dos que 225.379 proceden de fondos FEDER e o montante restante, da Consellería de Sanidade e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Ademais, a reforma "contribúe a dignificar" o centro e "tanto pacientes como terapeutas beneficiaranse" das novas instalacións "homologables ás de calquera centro asistencial profesional".

ACLAD.

Tanto Sanidade como o Servizo Galego de Saúde apoian economicamente a Aclad dende hai dez anos, que en 1997 contaba cun financiamento de 961.619 euros. Non obstante, durante o pasado 2007 a asociación obtivo 1.768.760 euros, o que supón un incremento do 84 por cento.

A responsable do departamento autonómico felicitou aos responsables de Aclad, na que actualmente traballan máis de 40 profesionais, polos seus esforzos para "dignificar" a atención ao colectivo drogodependente e "mellorar a calidade asistencial dos servizos prestados".

Contenido patrocinado