SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Sala do Civil do Tribunal Supremo (TS) condenou á familia do ditador Francisco Franco a restituír ao Concello de Santiago de Compostela as esculturas de Abraham e Isaac atribuídas ao Mestre Mateo, que formaban parte do Pórtico da Gloria da Catedral.
Un xulgado desestimara a demanda que o Concello compostelán interpuxera contra os netos de Franco polas estatuas de Abraham e Isaac, adquiridas polo Consistorio galego ao conde de Ximonde o 4 de xuño de 1948 por 60.000 pesetas e que serían retiradas da Catedral con ocasión dunha reforma. Os herdeiros do ditador sostiñan con todo que Franco comprara as pezas a un particular.
No entanto, a sala do Supremo decidiu estimar o recurso do consistorio compostelán ao considerar que "se produciu un erro patente na valoración da proba", posto que a identificación das estatuas reivindicadas "é clara". "E despréndese sen lugar a dúbida dos documentos achegados e do informe pericial emitido sen posibilidade de dúbida", agrega o TS.