SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 May. (EUROPA PRESS) -
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a Tarxeta Xente Nova permitiu xa viaxar gratis en autobuses interurbanos a 112.000 mozos menores de 21 anos e avanzou que, de cara ao próximo curso académico, porase en marcha unha plataforma móbil para facilitar o seu uso, sen necesidade de activar o cartón moedeiro nin de adiantar o diñeiro.
Así o destacou este venres durante un acto organizado con motivo do primeiro aniversario do funcionamento deste cartón, no que tamén participaron a conselleira de Ifraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ademais de varios novos usuarios.
Na súa intervención, Rueda incidiu no éxito desta iniciativa que tamén opera en Vigo no transporte da Ría e no tren de vía estreita da comarca de Ferrol. Ademais, sinalou que as familias dos beneficiarios levan aforrado desde a súa posta en marcha máis de 14 millóns de euros.
"Só neste ano destinaremos 7 millóns a este servizo", destacou para sinalar, a modo de exemplo, que un mozo de Noia que viaxe todos os días á Universidade de Santiago de Compostela (USC) durante o curso pode aforrar 1.200 euros.
A Xunta destacou que este cartón é resultado da súa "aposta continuada" polo acceso dos mozos ao transporte público da Comunidade. Así, indicou que en 2016 os menores de 19 anos empezaron a beneficiarse da gratuidade nas áreas de transporte metropolitano; en 2020, ampliouse a cobertura a toda Galicia, converténdose na única comunidade que ofrece esta posibilidade.
Ademais, o presidente galego sinalou que a Xunta seguirá comprometida cunha mobilidade sustentable, avanzado cara a un futuro con menos emisións, cun maior uso do transporte público e cunhas cidades e pobos con menos tráfico, ruído e atascos. Unha posta reflectida na renovación das 3.400 liñas de autobús, multiplicando rutas, paradas e horarios, e incorporando servizos á demanda e buses escolares compartidos --cun orzamento anual de 80 millóns de euros--; e nos máis de 200 quilómetros de senllas peonís, nas que levan investido 50 millóns.
Por último, Rueda aproveitou a súa intervención para pedir de novo ao Goberno que cumpra o compromiso de pór en servizo este verán os trens Avril, para levar a alta velocidade a Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo. "Esperamos que se cumpra este compromiso e o AVE, que xa é unha realidade a Ourense, tamén poida selo no resto das cidades galegas", abundou.
UN TOTAL DE 60 VIAXES GRATIS AO MES
Pola súa banda, no acto, Ethel Vázquez, que reivindicou o transporte público como a "mobilidade do futuro", lembrou que esta Tarxeta Xente Nova permite aos mozos realizar un total de 60 viaxes gratis ao mes.
Ademais, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valorou a posta en marcha deste tipo de iniciativas para "mentalizar" a vos mozas sobre o uso do transporte público e celebrou tamén que, desde a posta en marcha da intermodal de Santiago, esta acollese a máis de 66.000 autobuses e a 1,3 millóns de viaxeiros.