Colectivos contra o proxecto de Altri - PDRA
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Oct. (EUROPA PRESS) -
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA), así como o resto de asociacións e colectivos que integran a mesa de coordinación nacional contra Altri, anunciaron este luns a convocatoria dunha "gran manifestación nacional" o próximo 14 de decembro en Santiago contra o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo).
Así o anunciaron nunha rolda de prensa en Compostela, onde lembraron que esta mobilización coincidirá co aniversario da manifestación celebrada o 15 de decembro de 2024 "e na que máis de 100.000 persoas encheron a Praza do Obradoiro ao berro de 'Altri Non'".
O presidente de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, e o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, chamaron á sociedade galega a "seguir mobilizándose" para reclamar á Xunta que "denegue xa" todo o expediente para autorizar o proxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo).
Neste contexto, Rubido defendeu que "foi a mobilización histórica do pobo galego a que fixo que Altri quedase fose do Perte de descabornización e das axudas públicas de 250 millóns de euros que a empresa demandaba".
Nesta liña, mostrouse convencido de que esta nova mobilización convocada para o 14 de decembro "pode deixar a Altri fora definitivamente da planificación eléctrica, a captación de auga e a autorización ambiental integrada da Xunta".
"Estamos nun punto de inflexión, de aí a importancia desta mobilización e de facer o 14D unha mobilización histórica na Praza do Obradoiro que sirva para que a Xunta denegue definitivamente este proxecto", aseverou Rubido.
En concreto, debullou que os obxectivos desta nova convocatoria son "chegar até o final para coñecer a letra pequena e paralizar todas as autorizacións pendentes da Xunta".
"SEN AUGA, SEN ELECTRICIDADE E SEN LICENZA SOCIAL"
Sobre o feito de que Altri careza da subestación eléctrica que demandaba para o seu proxecto en Palas de Rei, ambas as plataformas celebraron que este anuncio "vai no camiño das súas demandas ás Administracións Públicas para que non se autorice o proxecto".
O pasado 22 de setembro, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou en rolda de prensa que Altri sería excluída da planificación eléctrica 2025-30 ao non cumprir cos requisitos necesarios.
Con todo, o presidente da PDRA sinalou que "estarán alerta e facendo seguimento en toda a tramitación, incluso formulando alegacións, para que a aprobación definitiva desta Planificación sexa unha realidade administrativa firme".
Así, advertiu de que alegarán como "resposta" ante "os anuncios da Xunta e das empresas que conforman o proxecto Gama de que alegarán contra a decisión do Ministerio de Transición Ecológica y Reto Demográfico (Miteco)".
Neste contexto, tamén acusaron ao Goberno galego de "mentir" ao dicir que esta decisión "implicaría deixar a toda a provincia de Lugo sen oportunidades para a expansión eléctrica".
"Minte, porque a subestación da que estamos a falar serviría só á planta de celulosa de Altri, non a outras empresas. De feito, ningunha outra empresa ou organización social expresou queixas pola decisión ministerial", aseverou Juan Pedro Sánchez.
Con todo, o portavoz da Plataforma Ulloa Viva insistiu en que este proxecto que Altri quere instalar na localidade lucense de Palas de Rei "non ten fondos públicos, nin auga, nin electricidade, nin licenza social".