Unha retrospectiva no CGAC repasa os 50 anos de traballo do pintor Antón Lamazares

A mostra, cunhas 230 obras, poderá verse desde o 24 de febreiro até o 5 de maio

O pintor Antón Lamazares nunha visita guiada por 'Inda é día (1973-2023), no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 23 febrero 2024 17:11

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugura este venres una das maiores retrospectivas do pintor lalinense Antonio Lamazares, 'Inda é día (1973-2023)', na que se repasan os 50 anos de creación do artista contemporáneo.

    A mostra, que ocupa gran parte das instalacións do CGAC, está comisariada por Antonio Gonalves, que este venres guiou aos medios de comunicación polas 230 obras seleccionadas da propia colección do artista que conforman a exposición. Poderá visitarse desde o 24 de febreiro até o 5 de maio.

    En palabras do Comisario, Lamazares leva a cabo mediante o seu traballo "unha procura incesante" das grandes cuestións da vida, "convencido de que tal procura lle vai a proporcionar respostas que á súa vez se traducirán en experiencias potenciadoras doutras empresas".

    Esa procura móvese do popular todo o máis erudito, desde a vida e a morte, a relixiosidade e a sensualidade, "o gozar da vida". Unha "obra moi singular", destacou Gonalves, dun artista que sempre tenta retratar o mundo que o rodea desde a "simplicidade".

   A partir, explicou o propio Antonio Lamazares durante a visita, é o espectador o que "ten que porse a traballar". "Unha parte importante tena que desenvolver o propio espectador duante a súa visita (...). Os cadros son o que hai aí e o que un pode ver ou quere ver", defendeu o pintor lalinense.

    "Ao longo dos anos desenvolveu unha obra que revela unha maneira meditada de chamarnos á contemplación e a sensibilidade atenta", remarcou Gonalves.

O SEU PROPIO ALFABETO

   Lamazares inspírase no que lle rodea, desde a aldea até as vidreiras de Notre Dáme en París, onde gozou dunha bolsa nos anos 80.

    O comisario puxo o foco no "xesto" de Lamazares ao pintar, "consciente de até que punto este achega unicidade ás súas obras e de como as remite a planos de veracidade na esencial do facer primordial".

    O culmen disto é o 'Alfabeto Delfín', un abecedario ideado polo artista co que inclúe textos propios e poesías doutros autores nas súas pezas.

   Algúns deles poden verse nesta exposición, con obras nas que se integran a súa adaptación persoal de, entre outros, o Padrenuestro, o Cantar de Cantares ou o Cantar Espiritual de San Juan da Cruz, que se completa ademais cunha gravación do cantar recitado polo pintor.

    Ademais, nunha das salas, móstranse algúns dos bosquexos deste alfabeto e doutras obras. Tamén o resultado da súa colaboración co poeta Carlos Oroza, que proba a importancia da escritura e a poesía na arte de Lamazares, que referencia tamén nas súas pinturas a Van Gogh ou a Velázquez.

    Para Gonalves, este alfabeto "depura o xesto do debuxo co xesto da escritura e coa creatividade do xesto que perfora e golpea o soporte de cartón".

"ESTOU A VER A MIÑA VIDA, A MIÑA EVOLUCIÓN"

   Así mesmo, na obra de Lamazares o comisario destacou o seu uso da cor, "revelador dunha aguda sensibilidade cromática". "As súas series sempre reflectiron un desenvolvemento moi elaborado, que pon de manifesto a súa tendencia a compor o espazo e as formas cromáticamente e con equilibrio", sinalou.

    Nesta liña, outro dos elementos que máis destacan é o uso da verniz, que el mesmo explicou. "En Galicia chove moito e cando unha cousa está mollada, brilla. Súa como as emocións e hai moito na miña pintura ao redor diso", reflexionou.

    "Estou a ver a miña vida. Estou a ver a miña evolución. Unhas (obras) gústanme máis, outras menos, pero todas o suficiente como para mantelas aquí, que se non, traballaría sobre elas (...). Este tipo de exposicións son necesarias para coñecer o traballo do pintor, non só unha época concreta. Así que estou moi agradecido e moi contento", concluíu Lamazares sobre a organización da exposición.

    A retrospectiva complétase coa proxección dun percorrido dialogado pola exposición entre Gonalves e Lamazares, así como coa película 'Tan antigo como o mundo', de Nayra Sanz Fontes e Javier Sanz Fontes, que se poderá ver o 29 de febreiro, o 21 de marzo e o 25 de abril no Auditorio do museo. Ademais, o 4 de abril terá lugar unha conversación entre o comisario da mostra e o artista, xunto a Bernardo Quinto de Almeida e José Luís García Canido.

Contenido patrocinado