'Venres nas Librarías' programa encontros entre lectores e autores para mellorar os índices de lectura

A iniciativa desenvolverase nos concellos de Lalín, Vigo, A Coruña, Moaña, Ourense, Santiago de Compostela, Narón e Lugo

Presentanción de 'Venres nas Librerías'
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 23 septiembre 2014 14:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Sep. (EUROPA PRESS) -

As Consellerías de Cultura e de Economía e Industria presentaron a iniciativa 'Venres nas Librarías', que programará encontros entre lectores e autores para mellorar os índices de lectura e fomentar o libro durante os meses de outubro e novembro.

O responsable galego en materia cultural, Jesús Vázquez, explicou este martes na Cidade da Cultura que as actividades propostas terán como protagonistas a títulos galegos publicados durante o último ano, e que se desenvolverán nas librarías interesadas e asociadas á Federación de Librarías de Galicia.

Neste sentido, a presidenta da Federación, Pilar Rodríguez, subliñou que hai 15 actividades organizadas en diferentes espazos da comunidade entre o 3 de outubro e o 28 de novembro.

Con todo, a presidenta incidiu en que son "poucas librarías" as que se sumaron ao programa, aínda que espera que este número "vaia en aumento" segundo se desenvolve a iniciativa e en próximas edicións.

15 TÍTULOS

'Venres nas Librarías' inclúe un total de 15 títulos de diversas editoriais, e desenvolverase nos concellos de Lalín, Vigo, A Coruña, Moaña, Ourense, Santiago de Compostela, Narón e Lugo.

Ademais, a campaña contará cun concurso nas redes sociais, onde se irán dando pistas para adiviñar o título dun libro, o cal será o premio para o participante que acerte.

No acto tamén estiveron presentes a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; a presidenta da Asociación Galega de Editores, Laura Rodríguez Herrera; o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Antón Pedreira; e a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.

Contenido patrocinado