Elena Fernández - Europa Press - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Xunta, no marco do seu plan de actuacións fronte a posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, acaba de activar os niveis de alerta 2 e 3 por episodios de calor en diferentes puntos de Galicia.
Así, segundo apuntou o Executivo galego nun comunicado, a onda de calor que comezou o venres e que motivou á activación do nivel de alerta 1, pasa agora aos seus niveis 2 e 3 en diferentes zonas da comunidade.
En concreto, o nivel 3 está activado no concello do noroeste da provincia de Ourense e na zona do Miño en Ourense.
Pola súa banda, o nivel 2 de alerta está activado en zonas do interior de Pontevedra, Valdeorras, centro de Lugo, montaña e sur de Lugo.
A estimación, indicou a Xunta, é que a situación se manteña até o vindeiro martes, día 1 de xullo.
SUPENSIÓN DE ACTIVIDADE DEPORTIVA FEDERADA
Neste contexto, a actividade deportiva federada no exterior queda suspendida pola alerta laranxa por episodio de calor durante esta xornada e este luns, nos 12 concellos do noroeste de Ourense, os 21 concellos do Miño ao seu paso por Ourense, os 19 da montaña de Ourense, 16 concellos do interior de Pontevedra, 11 concellos do sur de Lugo, 26 concellos do centro de Lugo e os 14 concellos da montaña de Lugo.
RECOMENDACIÓNS
Ante este episodio de calor, a Consellería de Sanidade lembra que os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e nenos menores de catro anos; persoas con enfermidades cardiovasculares, con diabetes mellitus, con enfermidade pulmonar obstructiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Aazheimer ou patoloxías similares, así como persoas con enfermidades psiquiátricas.
Tamén todas aquelas persoas que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas persoas que pasan varias horas en exteriores.
Por iso, a Consellería de Sanidade recomenda: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucaradas; aumentar o consumo de ensaldas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; usar roupa de tecidos naturais, lixeira, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras, entre outras recomendacións.
En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recomendan solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.