A Xunta cifra en 444 millóns o que Galicia deixará de percibir cada ano polo acordo PSOE-ERC

Rueda avisa de que vai "facer todo o necesario" para non perder estes recursos e esixe ao Goberno "equilibrar" esta diminución

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en Consello
MONICA ARCAY CARRO
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 5 agosto 2024 14:16

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que a Consellería de Facenda realizou un informe no que calcula que Galicia deixará de percibir 444 millóns anuais polo acordo entre PSOE e ERC de concerto para Cataluña.

   En rolda de prensa após Consello da Xunta, Rueda expuxo que este é un dato "absolutamente obxectivo" sobre o impacto que tería que Cataluña non participe no actual modelo de financiamento autonómico, o que se traduce en 444 millóns menos para Galicia pola achega ao Fondo de Garantía e pola diminución coa que contará o Estado para poder redistribuír.

   Segundo este cálculo, suporía para Galicia 270 millóns menos do Fondo de Garantía, 91 millóns menos de transferencias de financiamento finalistas para políticas de emprego e atención á dependencia, así como 83 millóns menos do Fondo de Cooperación.

   Así mesmo, Rueda avisa de que outros condicionantes poden aumentar a conta que fai a Xunta de perda de financiamento por ese "financiamento singular que se propón". Ademais, este impacto tamén sería maior se outras comunidades como Madrid e Baleares piden "o mesmo" que Cataluña.

   Lembra que mesmo "algúns presidentes socialistas" manifestáronse sobre o "prexuízo" que este acordo suporá en prexuízo das facendas autonómicas "en todos os casos".

   De tal forma, Rueda comprometeu que vai facer "todo o necesario para que Galicia non perda eses recursos", de modo que esixe ao Goberno central que ten que facer algo, "como mínimo, para equilibralos".

    E é que remarca que este estudo pon "negro sobre branco" o que a comunidade deixará de percibir, a pesar de que a oposición: "Será capaz de dicir que saímos gañando cando saímos perdendo case 500 millóns de euros".

"MOSCA DETRÁS DA ORELLA"

   Cuestionado sobre se este cálculo de 444 millóns recollerase nos orzamentos galegos para 2025, Rueda explicou que o Goberno galego ten a "obrigación" de orzar cos "datos oficiais" dos que dispoñen "agora mesmo", aínda que di que teñen a "mosca detrás da orella". "En canto teñamos pronunciamiento oficial, a cousa cambiará e cambiará moito", agrega.

    Advirte de que a Xunta estará "moi vixiante". Censura que o Goberno central leva a cabo aquilo que "foron dicindo que nunca faría". De feito, considera "moi significativa" a "desaparición da escena pública da ministra de Facenda". Rueda incide en que seguirán pedindo un Consello de Política Financeira e Fiscal (CPFF) para abordar esta cuestión.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado