A Xunta trasladará a oficina de emprego de Coia, en Vigo, para ampliar o centro de formación ocupacional

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 21 septiembre 2010 20:41

VIGO 21 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia trasladará a oficina de emprego do barrio vigués de Coia para dar un servizo "máis acorde ás necesidades dos cidadáns" que acoden a ela e, ademais, co obxectivo de ampliar o centro de formación ocupacional --que actualmente comparte instalacións coa outra oficina--.

Así o afirmou a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, quen destacou que "nun momento como o actual" a Administración galega quere que os desempregados "aproveiten para ter unha formación axeitada e teñan maiores facilidades e oportunidades" para a súa reinserción laboral.

Molares indicou que se está a buscar unha nova situación, na mesma zona, para a oficina de emprego. Deste modo, no actual edificio liberarase espazo para o centro de formación ocupacional --que actualmente ten unha superficie de 2.500 metros cadrados-- e o cal gañará 900 metros cadrados.

Nestas instalacións, dende o pasado marzo e ata decembro, desenvólvense un total de 21 cursos de formación a case 350 alumnos, o que supón un total superior ás 10.100 horas de formación.

Molares, quen visitou este martes o centro, recordou que o emprego e a formación son unha das "prioridades" da Xunta, a cal destinou en 2010 máis de 16 millóns de euros a políticas activas de emprego para beneficiar a case 4.000 persoas desempregadas no ámbito da Delegación Territorial de Vigo.

No que respecta á cidade olívica, recordou que se dedicaron case 9 millóns de euros para beneficiar a 2.751 persoas a través destas iniciativas.

Contenido patrocinado