SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jul. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, asinou hoxe un convenio co presidente da Fundación Monte do Gozo, impulsora de Proxecto Home Galicia, Jesús García Vázquez, dotado con 62.000 euros, para financiar actividades de formación e de aplicación das novas tecnoloxías no campo agrario para as personas que participan neste programa de desintoxicación.
O acordo pretende un dobre fin: facilita-la integración socio-laboral das persoas que forman parte da comunidade terapéutica de Proxecto Home e potenciar unha actividade que supón unha alternativa de emprego rural.
O convenio pretende dotar dunha mellor capacitación ós mozos e mozas que se atopan nestes momentos en fase de reinserción social facilitándolles unha formación axeitada para poder desempeñar labores agrícolas ou silvícolas.
Neste sentido, a Consellaría ofertará -entre outros- cursos en materia de xestión de horta e de cultivos intensivos baixo cuberta, de hortifruticultura, de manipulación de produtos fitosanitarios, de xardinería e paisaxismo ou de actividades rurais alternativas.
Pero a colaboración aberta entre ambas entidades vai máis aló do plano formativo. Medio Rural pretende aproveita-las experiencias de cultivos e de produción agraria que están desenvolvendo os membros da comunidade terapéutica de Proxecto Home para analizar os resultados da aplicación da I+D+i e das novas tecnoloxías na actividade agraria e mellorar así o rendemento das explotacións galegas.
Dentro do obxectivo xeral que se marca a consellaría de revitaliza-las producións hortícolas e florícolas, que en Galiza están acadando altos niveis agronómicos debido ás boas condicións climáticas e edafolóxicas, os campos de ensaio son unha "excelente fórmula" para coñece-lo comportamento destes cultivos nas distintas zonas da nosa xeografía.
En virtude deste convenio, a Fundación do Monte do Gozo comprométese a establecer campos de ensaio e de experimentación de horticultura intensiva e extensiva en 2.000 metros cadrados de superficie baixo abrigo e en 8.000 ao aire libre sobre os seguintes cultivos: leituga, tomate, pemento, xudía, berenxena, cogombro, repolo, col de Bruxelas, cebola, espárrago, amorodo, acelga ou espinaca e a entregarlle á Consellaría os resultados obtidos para a súa posterior divulgación.
Así mesmo tamén levará a cabo a introdución de novos cultivos hortícolas e ornamentais que, xunto coas novas tecnoloxías, lles sirvan ós alumnos do centro terapéutico como aprendizaxe cara a súa posterior incorporación ó mundo laboral.
Por último, durante a vixencia do convenio, realizaranse dous días de campo para que os agricultores das comarcas próximas poidan coñece-los resultados das experiencias xa mencionadas e aplicalos na mellora das súas explotacións.
Ademais, a Fundación Monte do Gozo tamén realizará traballos silvícolas na finca forestal coa que contan no concello de Val do Dubra co obxectivo de producir castiñeiro resitente á tinta; levar a cabo desbroces manuais e mecánicos, podas altas e baixas, clareos e eliminación de restos mediante compostaxe; identificar e sinalizar árbores ou construír sendas interpretativas da masa arbórea.
Ó mesmo tempo intentarán mellora-lo estado fitosanitario das especies arbóreas cos que contan mediante a loita biolóxica contra as plagas coa colocación de caixas niño especiais para paxaros insectívoros. Dos resultados de todos estes traballos, a Fundación deberá dar conta á Consellaría do Medio Rural para a incorporación ás súas bases de datos.
VISITA O CENTRO
O conselleiro aproveitou a súa estancia para saudar ó equipo terapéutico que desenvolve o seu traballo na Comunidade Terapéutica, así como ás persoas que están en tratamento nestes momentos. Así mesmo, realizou unha visita polas instalacións deténdose nos talleres, na zona de invernadoiros e de cultivos ó aire libre, nos xardíns e na piscifactoría.
A visita rematou coa entrega de títulos ao alumnado que acaba de completa-lo Curso de Hortofruticultura e Xardinería, impartido por técnicos especializados da Consellaría do Medio Rural.