Antón García Abril impartirá en Santiago un curso de composición, para o que o prazo de inscrición se pecha o luns

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 21 junio 2006 18:43

SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Jun. (EUROPA PRESS) -

O catedrático e compositor Antón García Abril impartirá en Santiago de Compostela o VII Curso de Composición da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), que mantén aberto o prazo de inscrición até o vindeiro luns, día 26 de xuño.

Organizado pola sección de Formación Permanente deste centro que xestiona o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) da Consellería de Cultura e Deporte, o encontro dará comezo en novembro e abranguerá dous ciclos correspondentes aos períodos académicos 2006-2007 e 2007-2008.

O Curso de Composición diríxese a estudantes ou músicos interesados en actualizar e ampliar os seus coñecementos neste ámbito musical, obxectivo de acordo co que se desenvolverán aspectos relacionados coa técnica compositiva, a orquestración, acorrección de obras e a análise musical.

Para asistir a este curso a EAEM oferta un máximo de 12 prazas de alumnos activos, que serán seleccionados en función do seu currículo, aínda que as persoas interesadas no curso que queden excluídas deste primeiro grupo poderán participar igualmente en calidade de oíntes. O prezo da matrícula é de 350 euros por ciclo para os alumnos activos e de 200 euros para os oíntes.

Director da cátedra "Manuel de Falla" de Cádiz e profesor de Composición dos cursos deverán "Música en Compostela", Antón García Abril foi tamén catedrático de Composicióne Formas Musicais do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid de 1974 a 2003.

Durante a súa extensa traxectoria como compositor foi recoñecido con numerosas distincións, entre as que destacan o Premio Nacional de Música 1993, o Premio Fundación Guerrero de Música Española 1993, o Premio da Música 1996, 1998, 2000 e 2002 outorgado pola Sociedad General de Autores y Editores e a Asociación de Intérpretes y Ejecutantes, e a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes 1998. García Abril é, así mesmo, académico da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.

Contenido patrocinado