As compañías que queiran participar na 'XIV Feira do Teatro de Galicia' poden presentar as súas solicitudes ata o día 27

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 7 febrero 2006 16:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) da Consellería de Cultura abriu o prazo de inscrición para seleccionar as compañías participantes na Feira do Teatro de Galicia, que entre os días 13 e 17 de xuño celebrará a súa XIV edición en distintos espazos da cidade de Santiago.

O grupos profesionais galegos de teatro e danza interesados en participar, que deben estar inscritas na Rede Galega de Teatros e Auditorios, poden remitir as súas propostas á sede do Igaem ata o vindeiro 27 de febreiro.

Así mesmo, deberán concorrer con producións xa estreadas noutros escenarios con data posterior á da finalización da anterior edición da Feira, é dicir, o 16 de abril de 2005, aínda que esta condición non se esixirá no caso dos espectáculos de danza.

Unha vez recibidas todas as propostas, unha comisión integrada por profesionais do sector escénico encargarase da selección das compañías e na súa valoración terá en conta tanto a calidade artística dos espectáculos presentados --dirección, texto, interpretación, espazo escénico, sonoro, iluminación, música, vestiario--, como o interese do proxecto, o risco da posta en escena e a aposta por linguaxes innovadoras e contemporáneas.

Neste sentido, os grupos interesados deberán achegar información sobre a traxectoria da compañía, as fichas artística e técnica da montaxe, o calendario de actuacións realizadas e previstas, e unha gravación do espectáculo, entre outra documentación.

Para as compañías galegas, a participación na Feira do Teatro supón unha oportunidade de encontro cos numerosos programadores e técnicos culturais de dentro e fóra de Galicia que acoden cada ano a esta cita cara á contratación dos seus últimos espectáculos.

A organización asume o 75 por cento do caché co que as montaxes seleccionadas están inscritas na Rede Galega de Teatros e Auditorios e tamén aporta a dotación técnica especificada na ficha de cada espectáculo.

Contenido patrocinado