A Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Galicia celebrará o día 28 a X edición dos Premios María Casares

Actualizado: jueves, 23 marzo 2006 19:35

A CORUÑA, 23 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Teatro Rosalía de Castro acollerá un ano máis a celebración da gala dos Premios de Teatro María Casares, que organiza a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, en colaboración co Concello de A Coruña. A gala terá lugar o 28 de marzo, data próxima ao Día Mundial do Teatro.

Na súa presentación, o presidente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, Candido Pazó, sinalou que a gala será nesta ocasión especial polo feito de que os premios cumpren dez anos e tamén por ser o décimo aniversario da morte da actriz que lles da nome.

Lino Braxe, un dos promotores da organización desta gala, será este ano o encargado da súa dirección e presentación. Sobre a montaxe, Lino Braxe explicou que a posta en escena dos galardóns tentará recrea-la época de finais dos anos 50 e principios dos 60, xustamente cando a carreira cinematográfica de María Casares estaba no seu pulo máis alto.

Así, como se fose un directo radiofónico deses anos, o Teatro Rosalía convertirase nun improvisado programa de radio coa Orquestra Os Satélites, que acompañará na música a artistas como Paco Lodeiro, Maxo Barxas, Julián Hernández e o propio Lino Braxe.

Tamén participarán na gala o grupo de teatro Bucanero e o grupo vocal Nois, estes últimos acompañando a Flor Maceiras na interpretación dunha peza. Polo escenario, pasarán personalidades do mundo da cultura en Galicia, que participarán no "programa de radio", entre os que estará o actor Luis Tosar.

A gala comenzará ás 21.30 horas e será retransmitida a partir das 23.00 horas pola TVG. Nela, entregarase un premio de honra á primeira directora de teatro en Galicia, Dorotea Bárcena. Estes premios pretenden servir de estímulo, recoñecemento e promoción do teatro galego.