Caixa Galicia e o concello de Curtis presentan unha escolma inédita do escritor Antón de Pepiño

Actualizado: lunes, 13 febrero 2006 19:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Obra Social Caixa Galicia, en colaboración co Concello de Curtis, editou a publicación 'Obra escollida', unha escolma do escritor curtiense Francisco Antonio Sánchez García, máis coñecido polo seu alcume artístico: Antón de Pepiño.

O libro recolle diferentes manuscritos inéditos atopados dentro dun baúl na vivenda na que finou este recoñecido escritor, nomeado académico da Real Academia Galega da Lingua no ano 1905 polo primeiro presidente da institución, Manuel Murguía.

Francisco Sánchez García, segundo explica o prólogo da presente edición, naceu na localidade coruñesa de Os Modillós o día 18 de xaneiro de 1874, no seo dunha familia sinxela. O ambiente político, social e económico do momento, fixo que este home emigrase a Arxentina moi novo.

Na cidade bonaerense relacionouse intensamente coa intelectualidade exiliada, colaborando en revistas e xornais con artigos en prosa e poesías en galego e castelán. Uns anos máis tarde regresa a Galicia, e o 24 de novembro de 1910 casa con dona Enriqueta García Rego, veciña de San Lourenzo de Carelle, e fixa a súa residencia en Teixeiro.

En Teixeiro seguiu escribindo poemas, contos e artigos, traballo que continuaría en Santiago, publicando no "Compostelán" e en "La Noche". En 1925 é elixido director do Diario de Galicia, cargo que desenvolverá ata o seu pasamento en 1939.

DOUS PERÍODOS

Moitos dos seus traballos son asinados co seu pseudónimo de "Antón de Pepiño". "Antón" por ser o seu segundo nome, e "de Pepiño" porque ese era o alcume da casa dos seus pais. En Santiago, entra en relación con figuras importantes do panorama cultural galego, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira Valverde ou Álvaro Cunqueiro entre outros.

A súa obra catalógase en dous períodos: O período Arxentino, con poesía e contos (1905-1910) e o período de Teixeiro, só con poesía (1914). Francisco Antonio Sánchez García forma parte dun grupo de escritores que continúan a obra dos mestres do século XIX, aos que Carballo Calero denomina "Postrenacentistas" por nacer na década dos 70.

A obra do autor ten as características dos escritores seguidores dunha liña tradicional e non renovadora, aínda que coincide con autores da Xeración Nós, asistindo ás innovacións que achegan á literatura galega.

Os seus relatos, contos e mesmo poesía oscilan entre o literario, a información e a crítica político-social. As influenzas son de Rosalía e Curros, e coma este último, ama profundamente o progreso. O 11 de novembro de 2005 foi nomeado fillo predilecto do Concello de Curtis.