Case 10.000 alumnos participaron nas VIII Xornadas sobre Estrutura e Acceso ao Sistema Universitario de Galicia

Actualizado: viernes, 31 marzo 2006 20:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Mar. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG), José Ramón Leis Fidalgo, presidiu hoxe o acto de clausura das VIII Xornadas sobre Estrutura e Acceso ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), que se celebrou no Auditorio Gaviota do Palexco, en A Coruña, e que contaron nesta edición coa participación de case 10.000 alumnos.

No acto tamén estiveron presentes o director xerente da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, Emilio Martínez Rivas; o xefe do servizo provincial de Inspección Educativa, José Antonio Gay García; o subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, José Mouriz Cabalo; e o xefe do servizo de Educación do Concello de A Coruña, Fernando Pariente Chacartegui.

A clausura asistiron 1.140 alumnos de 24 centros da provincia de A Coruña e dun centro de O Carballiño, que participou mediante videoconferencia. En concreto, foron alumnos dos IES Urbano Lugrís, Cruceiro Baleares, Monte das Moas, Agra do Orzán, Salvador de Mariaga, Elviña, Fernando Wirtz Suárez, Isaac Díaz Pardo, Menéndez Pidal, Monelos, Alfonso X O Sabio, Someso; ao IES de Sabón; e aos CPRs Calasanz PP Escolapios, Hijas de Cristo Rey (Oleiros), Cruz Roja Española, Salesianos, Caixa Galicia, Cristo Rey, Tomás Barros, entre outros. O centro carballiñés participante foi o IES Manuel Chamoso Lamas.

O alumnado dos centros de A Coruña e do de O Carballiño participou, ademais, en dúas conferencias enmarcadas nas xornadas sobre Estrutura e Acceso ao SUG, que se celebraron no Auditorio Gaviota, en A Coruña, e no Centro Comarcal de O Carballiño.

Éstas celebráronse en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, pertencente á Consellería do Medio Rural, para a organización de seminarios e actividades de orientación aos estudantes a nivel comarcal.

A súa finalidade é achegar información "relevante e de calidade" aos alumnos de Bacharelato e aos dos ciclos formativos de grao medio e superior de Galicia sobre a organización do sistema educativo de ensino superior. Deste xeito, os asistentes ás conferencias puideron coñecer os requisitos esixidos para acceder á universidade, a oferta de titulacións universitarias do SUG, os centros onde se imparten, o conxunto de bolsas e axudas para o estudo universitario.

MÁIS PARTICIPACIÓN

Este ano, por primeira vez, facilitouse tamén información sobre as ensinanzas superiores non universitarias, isto é, a Formación Profesional de grao superior e as Ensinanzas Artísticas.

Aproveitando a comarca como unidade estratéxica, as VIII Xornadas sobre Estrutura e Acceso ao SUG, que se desenvolveron nos meses de febreiro e marzo, chegaron a un total de 223 centros de ensino das 53 comarcas galegas, cunha asistencia de preto de 10.000 alumnos, o que supón un incremento dun 20% respecto da edición anterior.

Estas Xornadas acompañáronse dunha exposición didáctica itinerante na que tiveron un papel destacado as tecnoloxías da información e da comunicación, que facilitan o proceso de busca de información sobre o SUG e outras ensinanzas superiores, así como das probas de acceso á universidade.