O CCG e a CTNL reclaman maior coordinación entre os servizos lingüísticos e o persoal que traballa a prol do idioma

Actualizado: viernes, 2 junio 2006 22:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os técnicos de normalización lingüística do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística (CTNL) que participaron onte e hoxe no encontro 'Asesores lingüísticos na Galicia actual' reclamaron unha maior coordinación entre os servizos lingüísticos e entre o persoal que traballa en Galicia a prol da normalización do idioma.

Este encontro, organizado pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega e a Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística, reuniu a técnicos e asesores da lingua para analizar a situación do sector, reivindicar a súa dignificación profesional e analizar as novas demandas profesionais e formativas creadas pola crecente importancia adquirida pola calidade lingüística en todos os ámbitos.

Durante a sesión de hoxe, as asociacións profesionais do sector expuxeron a necesidade de establecer cauces de coordinación entre os servizos de normalización lingüística. Conchi Cochón, da CTNL, salientou a falla de coordinación entre estes departamentos e a necesidade de crear cauces de comunicación e traballo conxunto para coñecer as ferramentas e metodoloxías que se están empregando e optar polas máis eficaces e para harmonizar e dar continuidade ás accións realizadas.

Esta petición, sinalou Conchi Cochón, fíxose patente en numerosos foros e encontros do sector e amosou a súa satisfacción polo feito de que desde as institucións públicas se empece a falar da necesidade de estudar como articular esta coordinación. Neste senso, o coordinador das xornadas, Xoán Antón Lado, destacou o feito de que a CTNL naceu fai dez anos ante a falla de coordinación entre os técnicos e servizos lingüísticos e a día de hoxe esas carencias permanecen, aínda que si se avanzou nalgúns aspectos.

Outras das prioridades de futuro apuntadas polo asesores lingüísticos reunidos en Santiago é a formación continua do sector, a definición dun perfil dos técnicos que traballan en Galicia en tarefas de normalización do idioma e a avaliación dos servizos lingüísticos existentes.

Unha lista á que Antón Lado engadiu solucionar as grandes carencias técnicas destes profesionais no seu traballo diario, carencias de materiais básicos como diccionarios, programas, manuais de referenza nos diferentes sectores, etc.

Con este encontro de asesores e técnicos lingüísticos de diferentes sectores as entidades organizadores pretenden dar a coñecer as condicións laborais destes profesionais e as súas problemáticas concretas de traballo no contexto galego, acadar ferramentas que permitan unha maior eficacia no exercicio do seu labor, satisfacer a necesidade de crear foros profesionais de intercambio de información e coñecer e difundir aqueles puntos de referencia profesional que poden ser de apoio para todo asesor lingüístico.

Persegue, en definitiva, impulsar a proxección destes traballadores porque, segundo a organización, "só garantindo a súa profesionalización se pode asegurar a calidade nos servizos", o que redunda na garantía da calidade lingüística e na proxección social da imaxe da lingua.