A CORUÑA 26 Jul. (EUROPA PRESS) -
Un chal de liño de Carmen Riveiro Ferreira vecina de Baio-Zas (A Coruña) e unha cerámica co título 'Touro de dúas cabezas', de José Ignacio Porto Mato de Carnota (A Coruña), foron as obras seleccionadas polo xurado do premio de artesanía 'Antonio Fraguas' como gañadoras desta VI edición do certame nas categrorías de artesanía tradicional e contemporánea, respectivamente.
Ademais, no caso de Ignacio Porto, esta é a segunda vez que gaña o certame, pois xa o fixera na terceira edición do mesmo, celebrada no ano 2000.
O fallo foi dado a coñecer hoxe nas instalacións do colexio 'Calvo Sotelo' polo responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Celestino Poza, quen salientou "a calidade, cantidade e diversidade" das obras presentadas a esta edición do certame. En total concorreron 239 obras de 74 artistas, das que o xurado preseleccionou 110 pezas, pertencentes a 40 autores.
Celestino Poza explicou que entre estas 110 obras, o xurado optou polas de Carmen Riveiro e Nacho Porto, "ambos os dous nomes moi destacados da artesanía galega", que serán premiados con 3.000 euros cada un.
Así mesmo, lembrou que a institución provincial achega 19.000 euros para a adquisición destas e outras obras que pasarán a engrosar o patrimonio da institución provincial coruñesa, e coas que se realizará, como xa é tradicional, unha exposición itinerante por diversos concellos da provincia e o correspondente catálogo. O deputado provincial destacou tamén que a exposición do 'Fraguas' é unha das máis demandadas polos concellos da provincia.
Pola súa banda, a voceira do xurado, Inmaculada de Dios, gabou a calidade das obras presentadas e afirmou que este premio, instituido pola Deputación da Coruña, "serve de promoción e estímulo para a artesanía galega".
Do chal de liño de Carmen Riveiro, a voceira do xurado destacou a utilización dun material tradicional como é o liño e a integración de dúas técnicas como son a teixería e o encaixe de bolillos na realización dunha soa peza.
En canto ó 'Touro de dúas cabezas' de Porto, o xurado valorou a innovación e orixinalidade da peza, "un motivo iconográfico e mitolóxico moi antigo", e o uso de varias técnicas como a arcilla refractaria, os esmaltes e a serigrafía.