A Consellería de Cultura declara conxunto histórico-artístico o casco vello de Vigo

Isto supón a suspensión das correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 17 febrero 2006 18:11

VIGO, 17 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura e Deporte, a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio, vén de declarar o casco vello de Vigo como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de conxunto histórico-artístico. A cidade olívica acada así o máximo nivel de protección dun ben patrimonial, sendo como era a única urbe galega que non contaba con ela.

Nun comunicado, este departamento suliña que a Xunta recoñece, así, o valor dun conxunto de elementos singulares, tanto arquitectónicos como ambientais e de ordenación territorial. Esta declaración implica tanto ás administracións responsables como aos particulares á hora de conservalo e potencialo, xa que supón a protección da zona histórico-artística. Esta inclúe a chamada zona BIC que comprende os monumentos declarados como é o caso do entorno da Colexiata, o barrio do Berbés e San Francisco, o barrio do Castelo, a Ferrería e a rúa de Santiago.

Con esta declaración tamén se recoñece unha área de transición, tamén chamada "zona de respecto", que abranguería o borde marítimo, o barrio do Cura, a Panificadora, a praza do Rei e a Casa do Concello.

SUSPENCIÓN DE OBRAS

Segundo Cultura, a aplicación inmediata da protección supón a suspensión das correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas. Polo tanto, as obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, deberan realizarse con carácter inaprazable precisarán de autorización dos órganos competentes desta Consellería.

Logo desta decisión, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana, haberá un período de información pública por un prazo dun mes para que os que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen convinte na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural desta Consellería.

Contenido patrocinado