Educación defende a conveniencia de coñecer tres linguas nun marco social e económico "cada vez máis globalizado"

Actualizado: miércoles, 28 junio 2006 17:04

As Xornadas de Linguas Estranxeiras reúnen entre hoxe e mañá en Santiago a 350 profesores do ensino de idiomas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria avoga pola conveniencia de dominar unha lingua estranxeira e de coñecer tres linguas nunha contexto económico e social "cada vez máis globalizado", segundo sinalou hoxe a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, na inauguración das Xornadas de Linguas Estranxeiras.

Este evento reúne entre hoxe e mañá en Santiago de Compostela a 350 profesores do ensino de idiomas das etapas de Infantil, Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato.

Estas xornadas desenvolveranse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e no Instituto de Educación Secundaria (IES) Antón Fraguas, escenarios que acollen unha serie de conferencias e obradoiros simultáneos que xirarán en torno aos distintos métodos e posibilidades de ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras.

O programa das Xornadas de Linguas Estranxeiras estrutúrase en dúas partes. Así, a sesión de mañá comeza cunha conferencia a cargo dun profesional da aprendizaxe de idiomas, que se desenvolve na EGAP, e posteriormente os participantes son trasladados ao IES Antón Fraguas, onde teñen lugar obradoiros simultáneos protagonizados por expertos internacionais no eido da aprendizaxe de linguas estranxeiras. Na sesión de tarde, desenvólvense unha serie de obradoiros impartidos por profesores de idiomas que desenvolven o seu labor na comunidade galega.

EMPREGO DO PEL

A conferencia inaugural foi impartida hoxe por Daniel Cassany, profesor da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, quen pronunciou o relatorio 'O Portfolio Europeo de Linguas', no que fixo un percorrido polas características dos Portafolios Europeos da Lingua (PEL) españois, centrándose no de Secundaria e Primaria.

Neste senso, Cassany presentou algúns dos materiais que o compoñen, para exemplificar os diferentes itinerarios que propón o PEL, ao tempo que comentou exemplos auténticos de respostas de alumnos. Deste xeito, esta conferencia tratou de dar resposta ás inquietudes que teñen os docentes sobre a experimentación e o uso do PEL nas aulas, máis alá da descrición inicial do documento.

Ademais, en sesión de mañá e de tarde, desenvolveranse unha serie de obradoiros simultáneos que tratarán temas como a escritura en segundas linguas, as estratexias de aprendizaxe na clase de francés, a aprendizaxe de inglés a idades temperás, o cinema na clase de linguas estranxeiras, as tecnoloxías da información e da comunicación (TICs) na clase de inglés de primaria, ou o mundo da literatura francesa.

CIENCIA E LIBROS

Posteriormente, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa inaugurou as xornadas 'A ciencia e os libros', que se celebran no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e nas que participan máis de 100 docentes.

Durante a súa intervención, María José Pérez Mariño valorou a formación do profesorado referíndose a ela como unha ferramenta fundamental para acadar novas cotas de calidade na educación.

Ademais, a directora de Ordenación e Innovación Educativa salientou a importancia destas xornadas que contribúen a reflectir nos libros os últimos avances científicos.

As xornadas 'A ciencia e os libros' desenvolveranse ata o vindeiro venres, 30 de xuño, e reúnen na capital de Galicia a investigadores e pedagogos. Tralo acto de inauguración, o catedrático de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela pronunciou o relatorio Darwinismo e xenética. A xornada de mañá rematou con obradoiros simultáneos sobre ilustración científica e os currículos e as adaptacións curriculares en bioloxía, xeoloxía, física e química e tecnoloxía.

As xornadas continuarán mañá xoves e pasado venres con ponencias e obradoiros. Así, Laura Curtiella Sanz, médico e ilustradora científica, realizará unha introdución ao eido da ilustración científica. O encontro rematará o venres pola mañá coa posta en común das experiencias adquiridas nos obradoiros e coa lectura das conclusións.

As Xornadas de Linguas Estranxeiras e 'A Ciencia e os libros' forman parte da oferta de formación do profesorado da Administración educativa autonómica para o ano 2006, na que este departamento inviste máis de 3 millóns de euros.