Letras Galegas.- Cultura activa unha web con información sobre todos os homenaxeados o 17 de maio desde 1963

Actualizado: lunes, 15 mayo 2006 19:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 May. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha unha web (www.17demaio.org) que inclúe abondosa información sobre o Día das Letras deste ano e de todas as edicións anteriores desde a instauración desta festa en 1963.

Segundo salientou hoxe o departamento que dirixe Ánxela Bugallo, esta páxina servirá como fonte de recursos para cantos estean interesados tanto na vida e obra de Manuel Lugrís como en calquera dato relacionado con esta celebración da cultura galega.

Neste novo sitio web concéntrase información exhaustiva sobre a significación desta data e de todos e cada un dos autores e autoras aos que se lles dedicou. Estes datos inclúen documentación sobre a súa contribución á lingua e á cultura galegas, as súas biografías e ligazóns relacionadas para poder completar os seus perfís.

Por outra banda, Cultura espera que esta páxina se converta nun punto de referencia sobre o Día das Letras xa que permanecerá activo máis aló da edición do 2006, ofrecendo información para os vindeiros anos.

Nesta ocasión, a web do 17 de maio inclúe un especial sobre Lugrís Freire, autor homenaxeado este ano na data instaurada pola Real Academia Galega. O portal fai un percorrido polos poemarios, as pezas teatrais, a narrativa e as colaboracións de Lugrís; así como o seu labor en defensa da lingua nos medios de comunicación e nas institucións e o seu papel a prol do Estatuto de Autonomía.

Ademais da súa biografía, tamén se explica cómo era a Galiza na que viviu Lugrís, un país marcado pola emigración, o xermolar asociativo, o segundo rexurdimento cultural e a procura do autogoberno. Finalmente, a web recolle a difusión da súa figura e da súa obra a través do formato papel e navegando pola rede.

Por outra banda, a Consellería de Cultura resalta que nesta nova web tamén se poden consultar os diferentes actos cos que se celebrará este 17 de maio o Día das Letras Galegas.