Letras Galegas.- Santiago acollerá mañá a manifestación convocada pola Mesa para pedir un novo estatus para o galego

Actualizado: martes, 16 mayo 2006 18:30

Carlos Callón augura que será unha mobilización "histórica" polo nivel de participación e porque contribuirá a recuperar a lingua

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 May. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística, plataforma xurdida en 1986 para a promoción do uso do galego e en defensa do idioma propio de Galicia, espera que os cidadáns participen masivamente mañá na manifestación convocada en Santiago de Compostela, coincidindo co 17 de maio ou Día das Letras Galegas. A mobilización reivindica que a reforma do Estatuto galego permita recoñecer á lingua galega "o dereito de uso" e o "deber de coñecela".

A Alameda de Santiago acollerá, a partir das 12.00 horas, o inicio da manifestación que percorrerá varias rúas da capital galega. O presidente da Mesa, Carlos Callón, en declaracións a Europa Press, augurou hoxe que será unha mobilización "histórica" polo nivel de participación e porque contribuirá a recuperar a lingua galega.

Un total de 130 entidades de diverso tipo --veciñais, culturais, nove concellos, BNG, e outras-- apoian esta mobilización e, ademais, está prevista a chegada a Santiago de Compostela duns 15 autobuses con xente procedentes das principais cidades de Galicia e doutras localidades.

A convocatoria prevé que un grupo de galegofalantes que teñen denunciado ser obxecto de discriminacións lingüísticas, agrupados no denominado 'Comité Cidadán 17 de maio' sexan os encargados de ler, ao final da manifestación, o manifesto que leva por título "Porque temos, porque queremos, porque debemos. O Estatuto da normalidade lingüística. O galego: un dereito, un deber".

MANIFESTO Así, no devantido texto, as persoas e entidades que apoian a mobilización do 17 de maio de 2006, "conscientes do reto histórico", demandan para o novo Estatuto de Galicia "que se manteña a obriga dos poderes públicos de contribuír a normalizar a nosa lingua" e "que se recoñeza o dereito a usar e o deber de coñecer o galego, dándolle plena validez xurídica ás comunicacións na nosa lingua en todos os ámbitos".

Outra das demandas recollidas no manifesto é a de "que se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos". O texto promovido pola Mesa e que conta co apoio de varias entidades pide tamén que se regule "o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galicia". Polo que tamén demanda que o persoal ao servizo das administracións públicas debe estar capacitado e en disposición de usar o galego.

O manifesto tamén solicita que todos os integrantes da maxistratura, notarías, fiscalías e rexistros, para prestar os seus servizos en Galicia, "han de acreditar que teñen un coñecemento adecuado e suficiente do galego como para garantir o dereito de opción lingüística".

Que se recoñeza ao galego a condición de lingua vehicular no ensino non universitario; que se consigne o uso preferente do galego nos medios de comunicación públicos en Galiza, incluíndo por tanto a RNE e TVE; que o Goberno galego promova a comunicación e cooperación cos outros territorios que pertencen ao sistema lingüístico galego-portugués; e que a Xunta fomente singularmente o uso da lingua galega nas zonas galegofalantes do exterior da comunidade autónoma de Galiza; son as outras reivindicacións.

"A ALTURA DO PAÍS"

O manifesto que se lerá mañá tamén solicita a todas as forzas políticas e axentes sociais "que estean á altura do que este país e este tempo histórico demandan". "Un Estatuto que recolla artigos no sentido antedito rachará os alicerces que sustentan as graves discriminacións que aínda padece o galego", recolle o texto.

Ademais, o escrito proposto pola Mesa ante a manifestación do 17 de maio tamén expresa "que se agarda que desde o novo goberno da Xunta, singularmente desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se comece a traballar para afrontar os problemas de base que ten o noso idioma, garantindo en primeiro lugar o dereito fundamental á escolarización en galego".

Callón indicou hoxe que o galego "está por debaixo na cooficialidade co castelán" e sinalou que a actual siguación de "inferioridad xurídica" fai que existan "discriminacións". Insistiu en que o proceso de reforma do novo Estatuto de Autonomía de Galicia supón "unha oportunidade para que o galego teña todas as garantías".

CONSTITUCIONALIDADE

Lembrou que a Constitución xa recolle para o castelán "o dereito e o deber" e explicou que no caso da lingua galega xa houbo "conseso" para recoñecer estas cuestións na Lei de Normalización Lingüística de 1983. Segundo o presidente da Mesa, ese recoñecemento de "dereito e deber" tivo que ser retirado desa lei "porque non era constitucional", ao estar nunha lexislación de rango inferior, pero asegurou que coa súa inclusión no novo Estatuto non se repetirá esta situación.

Así, apelou ás forzas políticas en Galicia "a que non utilicen a barreira da constitucionalidade" no que se refiere ao recoñecemento do "deber de coñecer o galego". Segundo dixo, a Mesa espera "o consenso que existiu en 1983" nesta cuestión. Callón defendeu que a reforma do Estatuto de Autonomía responda "as necesidades e problemas dos galegos" e declarou que "o problema da lingua hai que solucionalo".

FESTA DA LINGUA EN SANTIAGO

Por outra banda, a Mesa pola Normalización presentou hoxe as actividades previstas na Festa da Lingua, que se desenvolverán mañá entre as 16.00 e 20.00 horas na Alameda e no Toural, en Santiago de Compostela. Para a organización desta festa, a asociación de defensa da lingua galega conta coa colaboración das consellerías de Cultura e de Innovación e Industria, así como do Concello compostelán.

Na tarde de mañá, a Alameda será o espazo no que se ubique a Carpa da Cultura Circula, programa da Consellería de Cultura; e no que terá lugar a celebración do Día da Internet, co reparto de aplicacións informáticas en galego. Ademáis, desenvolveranse xogos tradicionais e obradoiros para os máis novos.

Xa no Casco Histórico de Santiago, na praza do Toural, a Festa da Lingua inclúe actividades para rapaces e rapazas axeitadas a cada grupo de idade onde a base común será a lingua, a lectura e o vocabulario; así como Xogos e dinámicas activas onde os participantes gozarán e aprenderán á vez. Por último, ás 19.00 horas haberá unha representación da obra teatral 'Historia dunha semente', a cargo de Caramuxo Teatro, e unha hora máis tarde actuará o cantautor Emilio Rúa.