Máis de cen expertos debatirán mañá en Baiona (Pontevedra) sobre os problemas dunha sociedade sostible en Galicia

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 20 junio 2006 18:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Análise e Proxección e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible organizan unha xornada de debate sobre os problemas dunha sociedade sostible en Galicia, que terá lugar mañá en Baiona (Pontevedra), na que participarán máis de 100 expertos.

A inauguración deste encontro, no que os expertos tamén exporán ideas en torno aos núcleos urbanos do século XXI, correrá a cargo do secretario xeral de Análise e Proxección, Xosé Manuel Rivera Otero, e do director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Manuel Fernández Suárez.

A reunión tratará de aportar ideas para avanzar na consecución dun modelo de cidade sostible para o século XXI, que combine as melloras técnicas e comodidades que un núcleo urbano precisa, co respecto polo entorno e o medio ambiente, salientou hoxe a Xunta.

No mesmo acto participará o director da Agencia Local de Ecología Urbana de Barcelona, Salvador Rueda Palenzuela, e posteriormente haberá unha mesa redonda moderada polo director xeral de Desenvolvemento Sostible e na que participarán directamente o arquitecto Salvador Fraga Rivas; o director xeral de Urbanismo, Ramón Saúl Lueje Espina; e o director da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo, Bernardo Pajaró Calvo.

Ademais, estarán no acto, delegados provinciais das consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; de Vivenda e Solo; e de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes; así como diferentes técnicos municipais de Medio Ambiente, arquitectos, e profesores universitarios especializados no tema.

Contenido patrocinado