SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Ene. (EUROPA PRESS) -
O concelleiro de Turismo, Xuventude e Deportes do municipio coruñés de Oleiros, Antón Tenreiro, considerou hoxe que a celebración do 'I Festival Galego de Cabaré' axudará a proxectar cara fóra unha imaxe do concello "diferente".
Durante a presentación do festival en Santiago de Compostela, Tenreiro asegurou que esta iniciativa supón unha idea "xenial" e engadiu que "non hai dúbida" de que "sairá ben", posto que xa hai xente que se está a anotar nas actividades formativas que se desenvolverán durante o festival.
A mostra xurdiu da man do grupo 'Terceiro Pé Andar Criativo' e conta coa colaboración do Concello de Oleiros, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Nova Fábrica da localidade coruñesa; para popularizar o xénero do cabaré, que segundo o presidente de 'Terceiro Pé Andar Criativo', Nelson Quinteiro, conta "con moitos adeptos" en Galicia.
Asemade, Quinteiro explicou que o cabararé é un xénero que emprega "a sátira e a sexualidade" contra o establecido como elemento de sátira social; e que, no caso galego, inclúe a "retranca" propia da súa poboación.
Na presentación do festival tamén interviu Raquel Jabares, membro da Deputación Provincial de A Coruña, quen felicitou ao concello de Oleiros polas actividades que está a desenvolver e convidou a todos os coruñeses a participar nesta inciativa.
ACTIVIDADES DO FESTIVAL
O 'I Festival Galego de Cabaré' contará con charlas divulgativas, así coma cos espectáculos que se celebrarán entre os días 20 e 25 de febreiro. Pola súa banda, as actividades formativas comenzarán a semana anterior, o luns 13 do mesmo mes.
Deste xeito, entre o luns 13 de febreiro e o venres 17 en horario de tarde, realizaranse unha serie de obradoiros nos que se abordarán aspectos escénicos, coreográficos e interpretativos e nos que poderán participar actores, balaríns e toda a xente que estea interesada, aínda que cun aforo limitado.
No que respeta ao campo divulgativo, terá lugar un ciclo de tres conferencias durante os días 22, 23 e 24 de febreiro, que se celebrará a partir das 20.30 horas e no que se abordarán os aspectos "máis interesantes" na historia do cabaré en Galicia.
ESPECTÁCULOS
Os espectáculos celebraranse os días 24 e 25 do mesmo mes e clausurarán os actos da programación do Festival. Estas funcións compóñense de dúas festas temáticas relacionadas co mundo do cabaré.
A primeira representación terá lugar no Auditorio da Fábrica de Oleiros e recreará unha viaxe imaxinaria por Galicia que constará de tres partes, nas que participarán o grupo Cabaré Manicómicos, Pepa Yáñez e Davide Salvado, e o grupo Mariclown.
O segundo acto terá lugar no Auditorio de Mera coa celebración de 'Femme Fatale', que incluirá o 'II Festival de Monólogos sobre Malas Pécoras' do Andar Criativo, e no que participarán Emma Silva --Gabriela Sacaúntos--, Juanillo Esteban --Yoni Mediogramo--, Marta Pazos --Lola Mento--, ou Patricia de Lorenzo.
'Femme Fatale' contará coa presenza de transformistas como Ramón Hermida --Pia de Tolomei--, das Super Preñadas e cos números aéreos de trapecio e telas a cargo de Pachi Picallo e do grupo En desequilibrio. Ademais, o espectáculo estará amenizado pola actuación musical da Big Band Jazz de Oleiros e o grupo Detour.