A CORUÑA 13 Jul. (EUROPA PRESS) -
O alcalde de Oleiros (A Coruña), Ángel García Seoane, en nome do Concello recibiu de mans do representante de ADEAC, José Palacios, a mención especial concedida pola Unión Europea ao servicio de Salvamento e Socorrismo que opera nos areais do termo municipal e que abarca as localidades de Santa Cruz, Naval, Bastiagueiro e Mera, estas dúas últimas tamén destacadas, un ano máis, con Bandeira Azul.
Acompañado do rexedor local e da concelleira delegada de praias, Mª. Xosé Varela, o representante de ADEAC destacou a labor desempeñada ao longo dos anos polo equipo de socorristas de Oleiros. Segundo dixo, é "un modelo a seguir pola calidade do seu traballo, o desempeño das labores de coordinación dos efectivos e a profesionalidade dos integrantes deste servizo", elementos claves para a concesión dun distintivo destas características.
Pola súa banda, os responsables municipais agradeceron a constancia e a disciplina dos profesionais que cada ano fan posible "que Oleiros conte cunhas praias sen incidentes nas que a estancia dos bañistas se desenvolve con absoluta tranquilidade velando permanentemente pola súa seguridade", manifestou o primeiro edil.
O Concello de Oleiros foi un dos primeiros municipios galegos en dispor dun servicio profesionalizado de salvamento e socorrismo iniciando a súa labor en 1982 na praia de Santa Cristina, ampliándose progresivamente ó resto dos areais. Dende 1993 a Unidade Acuática da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil asumiu estas labores ata hai dous anos que o consistorio decidiu proceder á contratación directa e temporal do persoal.
Un dos elementos diferenciadores e distintivos deste municipio en materia de socorrismo é a duración da tempada de praias que abarca dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, estendéndose así a catro meses en vez dos tres oficiais.