Pesca.- A Xunta segue co plan de repoboación coa solta hoxe de 2.000 alevíns de rodaballo en Muxía (A Coruña)

Actualizado: martes, 29 agosto 2006 15:33

A CORUÑA, 29 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Igafa, realizará hoxe a solta de 2.000 exemplares de rodaballo alevíns, de entre 20 e 25 gramos de peso, na praia de Lago, en Muxía (A Coruña). Esta acción se enmarca dentro do Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego presentado polo departamento de Carmen Gallego nun Consello da Xunta de setembro de 2005.

Con esta nova actuación, Pesca continúa co desenvolvemento deste Plan que ten como principal obxectivo a avaliación da repoboación dos caladoiros galegos con diversas especies. Ademais, nesta ocasión, a solta realizarase dende terra e non dende unha embarcación, como se viña facendo ata o de agora.

Esta acción únese á realizada no pasado mes de xuño na praia de Moreira onde se soltaron 3.000 peixes e á que tivo lugar en outubro do ano pasado con 10.000 individuos tamén na praia de Lago.

Coa finalidade de garantir as condicións sanitarias dos individuos empregados neste proxecto, e para evitar pragas e contaxios indesexados, estes alevíns foron sometidos a estrictos controis microbiolóxicos e patolóxicos por parte de técnicos e biólogos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura antes da súa solta.

Unha vez no mar, os controis e o seguemento dos peixes, neste caso rodaballos, será exhaustivo e continuado. Así, a cada exemplar, colocaráselle unha etiqueta identificativa de cor laranxa co teléfono do Igafa e cun número referente ao ano da súa solta, é dicir, 2006.

Estímase que no 2007 xa se poderán ter os primeiros resultados desta nova solta, aínda que haberá que agardar aproximadamente dous anos para dar conta do cumprimento das expectativas deste proxecto, é dicir, corroborar a adaptación das especies xuvenís ao medio natural.

As xentes do sector, que amosaron dende o primeiro momento o seu interese nesta iniciativa, xa se comprometeron a devolver ao mar aqueles rodaballos identificados que foran capturados antes de tres meses. Pasado este tempo, os mariñeiros levarán as especies identificadas que pesquen á confraría máis próxima, que se porá en contacto co Igafa para que os técnicos se despracen á zona e recollan os exemplares.

ACCIÓNS DE REPOBOACIÓN

O Plan de Repoboación de Especies Mariñas proposto pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos naceu co obxectivo de soltar 20.000 exemplares de rodaballo alevín no litoral galego entre os anos 2005 e 2006.

A primeira experiencia deste tipo, que se levou a cabo en outubro do ano pasado tamén na praia de Lago, foi moi satisfactoria, segundo os primeiros resultados acados polos técnicos de Pesca, xa que a maioría dos 10.000 exemplares empregados nesta primeira solta se adaptaron perfectamente ao medio.

Este ano realizarase unha nova experiencia con outros 10.000 exemplares, chegando así á cifra prevista polo citado Plan. As soltas realizanse en tres periodos diferentes durante o verán.

Nesta liña, a primeira iniciativa desenvolveuse en xuño na praia de Moreiras con 3.000 exemplares, a segunda terá lugar hoxe na praia de Lago coa solta de 2.000 exemplares e, finalmente, realizarase unha nova acción o vindeiro mes de setembro con 5.000 rodaballos.