A preinscrición nos másteres oficiais da USC deberá formalizarse por Internet entre o 15 de xullo e o 15 de agosto

Actualizado: viernes, 9 junio 2006 21:03

A USC oferta para o vindeiro curso académico 2006-2007 un total de nove Programas Oficiais de Posgrao

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) oferta para o vindeiro curso académico 2006-2007 un total de nove Programas Oficiais de Posgrao (POP) cos que a institución académica compostelá dá un paso a prol do pleno desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), segundo anunciou hoxe o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Castor Méndez, para os que haberá que preinscribirse por Internet entre o 15 de xullo e o 15 de agosto

Os Programas Oficiais de Posgrao ofertados son os de Ciencia e Tecnoloxía Química, Enxeñaría Química e Ambiental, Enxeñaría Biotecnolóxica, Servizos Culturais, Dirección e Planificación do Turismo, Historia Contemporánea, Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas, Neurociencias, e Xerontoloxía.

Cada un deles conducirá á obtención dun título de Máster e/ou Doutor. Xa que a preinscrición nestes másteres da USC deberá realizarse por Internet entre o 15 de xullo e o 15 de agosto, estímase que as primeiras listaxes de admitidos se coñezan a comezos do mes de setembro.

Dacordo coas directrices para a definición do EEES, as ensinanzas universitarias conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal comprenderán estudos de grao e de posgrao estruturados en ciclos, correspondendo os de grao ao primeiro ciclo. Pola súa banda, os de posgrao teñen como finalidade a especialización do estudante na súa formación académica, profesional ou investigadora e artéllanse en programas integrados polas ensinanzas para a obtención dos títulos de Máster e/ou Doutor.

O vindeiro curso na USC impartiranse os estudos conducentes aos Másteres, dunha duración de dous cursos académicos, orientados á formación avanzada e multidisciplinar, á especialización académica, profesional e á iniciación á investigación. Para cursar estes programas, os futuros alumnos deberán ser titulados.

Pola súa banda, o Doutoramento diríxese á formación avanzada en técnicas de investigación e para acceder a el haberá que ter superados como mínimo 60 créditos dun máster e, en calquera caso, 300 créditos en total.

MANEIRA ÚNICA

Dos nove POP que a USC oferta para o vindeiro curso académico, catro impártense de maneira única pola institución compostelá, mentres que os restantes teñen carácter interuniversitario.

Así, son únicos o programa de Enxeñaría Biotecnolóxica que conduce ao Máster do mesmo nome e que, con sede na Facultade de Farmacia, se dirixe aos titulados en Biotecnoloxía, Bioloxía, Farmacia, Veterinaria, Enxeñaría Química, Enxeñaría Agronómica, Enxeñaría de Montes, Enxeñaría Técnica Agrícola, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Bioquímica, Medicina, Ciencias do Mar, Ciencias Ambientais e Química.

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría acollerá o POP en Enxeñaría Química e Ambiental co que se acadará o Máster en Enxeñaría Ambiental. Estes estudos, que tamén poderán desenvolverse na modalidade virtual, diríxense a titulados en enxeñarías técnicas, enxeñarías, Arquitectura, Bioloxía, Ciencias Ambientais, Ciencias do Mar, Farmacia, Física e Química.

O programa de Servizos Culturais, tamén único da USC, proporcionará ao alumno que decida estudalo na Facultade de Humanidades de Lugo o Máster do mesmo nome. Para cursar este programa debe posuirse o título de grao ou equivalente, preferentemente, en Humanidades, Filoloxía, Historia, Historia da Arte, Filosofía, Antropoloxía, Maxisterio, Socioloxía, Biblioteconomía e Documentación, Empresariais ou Relacións Laborais.

Co POP de Ciencia e Tecnoloxía Química pode obterse o Máster en Química Avanzada nuns estudos orientados a titulados en Química, Farmacia, Enxeñaría Química ou noutras titulacións cun nivel semellante nesta disciplina.

Pola súa banda, entre os interuniversitarios atópase o POP en Neurociencias, co que se acada o Máster do mesmo nome, e que se dirixe a licenciados en Bioloxía, Farmacia, Medicina, Psicoloxía e Veterinaria. Tamén poderán solicitar a admisión neste programa estudantes do último curso destas licenciaturas así como diplomados e licenciados con experiencia ou intereses específicos nas distintas áreas de coñecemento da neurociencia. Este POP impartirase en diversos centros da USC e nas Universidades de Vigo e Coruña.

A realización do POP Métodos matemáticos e simulación numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas concederá aos seus estudantes o Máster en Enxeñaría Matemática. Este programa interuniversitario impartido polas tres universidades galegas cursarase, na USC, na Facultade de Matemáticas.

Tamén o POP en Dirección e Planificación do Turismo ten carácter interuniversitario. Así, na USC obterase o Máster en Dirección e Planificación do Turismo especialidade en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas. Dirixido a graduados e titulados universitarios, este programa en Santiago impartirase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Xa co programa de Xerontoloxía os estudantes acadarán na USC a especialidade en Xerontoloxía Social. Estes estudos, que tamén se imparten na Universidade da Coruña, diríxense preferentemente a titulados universitarios en Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais.

Por útlimo, os estudantes que opten por cursar o posgrao en Historia Contemporánea, título conxunto da USC, a Autónoma de Barcelona, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo e a Autónoma de Madrid, deberán ser licenciados en Historia, Xeografía e Historia, nalgunha das especialidades de Historia na titulación de Filosofía e Letras, ou nalgunha das carreiras de Humanidades ou Ciencias Sociais.

POSGRAOS PROPIOS E DOUTORAMENTO

O vicerreitor presentou ademais a oferta de posgrao propia da USC -másters e cursos de especialización-, así como dos programas de doutoramento para o próximo ano académico. En concreto, o Consello de Goberno aprobou na xúa xuntanza do mércores unha treintena de Másteres e outrso tantos cursos de especialización.

Polo que respecta aos cursos de doutoramento, cuxo proceso de solicitude comezará no mes de setembro, o vindeiro curso a USC oferta un total de 67, dos que 12 pertencen á área de Ciencias Experimentais, 13 á de Ciencias Sociais, 19 á de Ciencias Xurídicas, 4 á de Ensinanzas Técnicas e 19 á de Humanidades.