Sánchez Piñón destaca a "constante actualización" do ensino para adaptarse "ás demandas sociais"

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 30 marzo 2006 20:36

OURENSE 30 Mar. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, destacou hoxe na inauguración dos salóns 'Forumensino, Expoenter e Previsel', no marco de Expourense, á "constante actualización" que vive o mundo do ensino "na procura da súa adaptación ás demandas sociais".

Na apertura da sétima edición do Salón do Ensino, a Cultura e o Deporte (Forumensino), que se celebra dende hoxe ata o 1 de abril, Sánchez Piñón sinalou que, para dar resposta aos cambios rexistrados na sociedade, Educación está a facer "un importante esforzo", buscando "converxer cos países máis avanzados da Unión Europea, especialmente no eido da información e das novas titulacións".

Así, a responsable do departamento educativo autonómico manifestou que "o uso de recursos públicos na mellora do sistema educativo supón a inversión máis rendible nunha sociedade moderna". Nese camiño, sinalou, "a Xunta incrementou o orzamento dedicado ao ensino en máis do 9 por cento".

Asemade, lembrou algúns dos programas nos que a Administración que dirixe está a traballar no camiño da mellora do sistema educativo galego, como a gratuidade dos libros de texto; as axudas para a adquisición de ordenadores; o incremento do número de rutas de transporte escolar que disporán de acompañante; o programa de reforzo, orientación e acompañamento a centros (PROA); ou o decreto de comedores que tratará de conciliar a vida laboral e familiar dos galegos.

'Forumensino' pretende ser un lugar de encontro e intercambio de experiencias sobre a realidade educativa. Este ano, analizará temas como o futuro da ensinanza en Europa, o acoso escolar, o papel da familia na educación ou as experiencias profesionais dos ciclos de Turismo.

A conselleira de Educación destacou a mesa redonda O ensino no futuro espazo europeo, que contará coa participación de representantes de varios países da UE. Ademais, Sánchez Piñón tivo unhas palabras de felicitación para o Instituto de Educación Secundaria A Farixa, de Ourense, que será o centro coordinador das xornadas técnicas sobre turismo e proxectará as súas experiencias no campo formativo dos ciclos de Turismo.

MÁIS OFERTA

No discurso de inauguración do Salón do Ensino, a Cultura e o Deporte, Sánchez Piñón sinalou tamén que o obxectivo desta feira é "informar aos estudantes e aos seus pais das múltiples posibilidades que teñen á hora de planificar o seu futuro académico e laboral", e, neste senso, fixo referencia ao feito de que, cada ano, "novas titulacións universitarias, másters e ciclos de Formación Profesional" se suman á oferta de ensinanzas superiores.

Neste salón participan 55 expositores e están representados unha decena de sectores, dende centros de ensinanza tanto públicos como privados ata academias, contando cunha "ampla oferta" de alternativas formativas e lúdicas vinculadas ao mundo da cultura, o cine, o folklore ou o deporte.

Contenido patrocinado