TURISMO.- A XIII Festa do Mexillón prevé achegar milleiros de visitantes ata Moaña o vindeiro domingo

Actualizado: domingo, 30 julio 2006 21:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Mulleres de Moaña organizará o domingo 6 de agosto a Festa do Mexillón que se celebrará no colexio Reibón, na Xunqueira de Moaña (Pontevedra), onde os asistentes poderán degustar 3.000 kilogramos de mexillón, preparado en cinco variedades, visitar unha feira de artesanía galega e asistir ás actuacións de folclore tradicional e dun dúo musical que amenizarán a xornada.

O programa de actividades comezará ás 12,00 horas coa lectura do pregón a cargo da actriz Casilda García e, a continuación, actuará o grupo folclórico 'Solaina', que dará paso á degustación do mexillón. Xa pola tarde, actuará o dúo musical 'Cristal', para amenizar o evento culinario.

Con esta festa gastronómica preténdese enxalzar unha das máis importantes actividades produtivas da ría de Vigo, o cultivo do mexillón, coa celebración dun evento consolidado que chega á súa décimo terceira edición cunha previsión de asistencia de milleiros de visitantes que se achegan á comarca do Morrazo para compaxinar a celebración gastronómica coa praia no tempo de lecer.

Nos días previos á festa, máis de 100 mulleres elaboran os pratos de forma altruísta para que este molusco sexa degustado en diferentes variedades. Nesta ocasión, os 3.000 kilogramos de molusco que preparará a Asociación de Mulleres de Moaña foron donados por Socomgal, Asociación de Mexilloneiros Ría Nosa, Asociación de Productores Mexilloneiros de Moaña, Asociación de Mexilloneiros Ría de Vigo, Cofradía de Pescadores de Moaña e Hermanos Cruz.

Colaboran tamén na promoción do evento o empresario José Luis Álvarez Souto, Caixanova, o Concello de Moaña, a Deputación provincial de Pontevedra, Faro de Vigo e o Colexio de Reibón.