A TVG actualiza a súa grella de verán e programa as series 'Invasión' e 'Quita e pon' as noites dos xoves

Actualizado: lunes, 3 julio 2006 21:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia (TVG) actualiza a súa grella con motivo da programación de verán e propón dúas series ousadas e controvertidas para as noites dos xoves.

A canle autonómica inicia esta proposta en prime time (22.00 horas) coa emisión dunha dobre entrega de 'Invasión', serie norteamericana do 2005 que conta os traumáticos acontecementos que lle ocorren a unha familia afectada por un terrible e devastador furacán, así como as repercusións que esta traxedia produce nunha pequena cidade do estado de Florida.

Esta produción inclúe unha trama de ciencia ficción na que se amosa a chegada de naves extraterrestres camufladas no medio do desastre natural.

A continuación, os telespectadores poderán volver ver as novas entregas de 'Quita e pon', polémica serie baseada nunha clínica de cirurxía plástica do sur de Florida, como marco dunha historia na que a sociedade do culto ao corpo e á beleza é o fío condutor.