Unha delegación da Universidade Tecnolóxica Gdansk de Polonia visita a Universidade de Santiago

Actualizado: viernes, 16 junio 2006 19:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Jun. (EUROPA PRESS) -

Unha delegación da Universidade Tecnolóxica Gdansk de Polonia encabezada polo seu reitor, Janusz Rachon, visita estes días a Universidade de Santiago (USC) para tratar de fortalecer as relacións entre as dúas institucións académicas, comezadas no ano 2004, e que se centran fundamentalmente en programas de intercambio de estudantes e de profesores.

O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, mantivo hoxe unha reunión de traballo co reitor polaco e, ao remate da mesma, manifestou a vontade da USC de incrementar a colaboración coa Universidade polaca.

Na actualidade, as dúas institucións académicas teñen asinados contratos bilaterais, no marco do programa Erasmus, un deles coa Escola Técnica Superior de Enxeñaría coordenado pola profesora Anuska Mosquera, e outro coa de Matemáticas coordenado polo profesor de Xeometría, Antonio Gómez Tato.

Na xuntanza celebrada na Reitoría participaron tamén a decana de Física, Ángeles López Aguera, e o profesor e coordenador de Erasmus deste centro, Daniel Baldomir. Precisamente, en Física estudan no actual ano académico catro estudantes da universidade polaca. O vindeiro curso continuarán estes intercambios, e dous alumnos de Física de Santiago estudarán na Gdansk University of Technology.

Janusz Rachon visitou varios centros da Universidade de Santiago e membros da súa delegación reuníronse tamén con profesores de Enxeñaría Química, titulación que quixeron coñecer en profundidade.