A USC recibirá uns 12 millóns da Consellería de Innovación e Industria para a dotación de infraestrutura científica

Actualizado: jueves, 4 mayo 2006 19:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acometerá ata o vindeiro ano 2007 a construción do Centro de Investigación en Química e o de Medicina, así como de laboratorios para a Facultade de Ciencias de Lugo, entre outras infraestruturas científicas e técnicas e para a súa execución contará cunha achega da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia por valor de 11.682.918,8 euros.

Estas actuacións están incluídas no convenio asinado polas tres universidades galegas e a Consellería de Innovación e Industria para o financiamento dunha serie de actuacións en materia de infraestruturas científico-tecnolóxicas nas tres institucións universitarias por un importe total de 22.045.078,68 euros.

Esta contribución correspóndese exactamente co importe íntegro dos préstamos concedidos polo Ministerio de Educación ás tres universidades galegas a través da resolución de 14 de decembro de 2005 pola que adxudicaron as axudas en forma de anticipos reembolsables para a realización de proxectos de infraestruturas científico-tecnolóxica.

En virtude deste convenio, a USC desenvolverá ata 2007 unha serie de actuacións como a construcción do Centro de Investigacións de Medicina, no novo Campus de Ciencias da Saúde, partindo da traxectoria e relevancia actual da investigación biomédica na USC e contando coas sinerxías xeradas pola proximidade ao complexo hospitalario. O novo Parque Científico contará tamén co Centro de Investigacións Químicas.

As novas infraestruturas permitirán asegurar mellores condicións de traballo na investigación de ámbitos como o da acuicultura, de especial importancia económica e social para Galicia, o da tecnoloxía ambiental, con transcendencia para o desenvolvemento sostible, e na dos investigadores experimentais do campus lucense, dando novos pasos na liña de mantelo como o referente entre os campus non centrais de Galicia. Asemade, supón a firme potenciación para as investigacións neurobiolóxicas, ou as satinarías e industriais.

Ampliarase tamén a cobertura e seguridade da rede de comunicacións da universidade, permitindo así unha maior estabilidade do contorno de traballo do conxunto da comunidade universitaria, dependente dunhas "adecuadas" infraestruturas no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicacións.