Pesca- Adega advirte de que a supramunicipalidade dos proxectos de Stolt Sea Farm poderían supoñer un "trato a favor"

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 15 febrero 2007 22:10

SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 Feb. (EUROPA PRESS) -

Adega rexeitou hoxe a declaración de incidencia supramunicipal para os proxectos de piscifactorías de Solt Sea Farm en Quilmas en Carnota e a de Baroña en Porto do Son, xa que advertiu de que se fixo "á marxe" do novo Plan Acuícola de Galicia e podería supoñer un "trato a favor" cara á multinacional norueguesa fronte ás demais empresas do sector.

A asociación ecoloxista advertiu de que "parece evidente" que nos casos de Carnota e Porto do Son vanse producir "máis que probables" afectacións aos Lugares de Importancia Comunitaria (LICs) próximos ou ao "emblemático Castro de Baroña".

Ademais, recordou á Xunta que os proxectos de Stolt Sea Farm para Baroña e Carnota suscitaron un "forte rexeitamento" por parte da poboación local, "dada a actitude de prepotencia e chantaxe dos responsables da multinacional".

"Unha administración non debería tolerar actitudes intimidatorias por parte de ningunha empresa e menos xunta premiala coa declaración de supramunicipal, a marxe de calquera planificación estratéxica. ¿Que sentido ten entón modificar o Plan Sectorial de Acuicultura do PP se despois se acaban aplicando as mesmas políticas insostibles e arbitrarias?", acabou preguntándose Adega nun comunicado.

Contenido patrocinado