Pleno.- Hernández di que "o 78%" da VAC da Costa Norte estará acabada en 2015 e culpa ao bipartito do atraso

O PSdeG censura a súa "incompetencia demostrada" na xestión desta infraestrutura, mentres o BNG constata que a Xunta "non fixo nada"

Agustín Hernández En El Pleno
CONCHI PAZ
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 4 mayo 2011 16:49

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, reafirmouse este mércores en que "o 78 por cento" da vía de alta capacidade (VAC) da Costa Norte, entre Ferrol e San Cibrao (Lugo), entrará en servizo "en 2015", ao tempo que incidiu en que "algúns tramos" poderán abrirse o ano próximo. franxa norte

Díxoo ante o pleno do Parlamento, respondendo a unha interpretación do deputado socialista Pablo López Vidal, quen reprochou ao titular de Infraestruturas a súa "incompetencia demostrada" e a "parálise" que o seu departamento impuxo para unha vía de altas capacidades que "deseñou" o bipartito para o litoral norte de Galicia.

"A nostalxia de épocas pasadas faino deformar un período idealizado", replicou Hernández, tras apuntar que o bipartito unicamente deixou "en redacción" o proxecto de dous tramos de autovía e só inverteu 1,5 millóns de euros nesta actuación. "Se fala de parálise, se está a referir á anterior lexislatura", sentenciou.

Tras recordar que o bipartito comprometeu a finalización desta obra en 2011, deixou claro que o seu departamento "non xogará cos prazos de forma irresponsable", pero prometeu tratar de "axilizar" o posible. Así, Agustín Hernández garantiu que en 2013 estará en obras "o 67 por cento" do trazado.

Pola súa banda, o representante do PP no debate, José Manuel Balseiro, recomendou ao socialista exercer como "fabulador", dada "a súa prodixiosa imaxinación", xa que "nada do que dixo ten que ver coa realidade". Ademais, recriminoulle as súas esixencias mentres o Ministerio de Fomento "ten paralizado" o tramo estatal que comunica as localidades lucenses de San Cibrao e Barreiros.

"LADRAN, LOGO CABALGAMOS"

Non obstante, a voceiro de Obras Públicas do Grupo Parlamentario do BNG, Teresa Táboas, concordou coa visión de López Vidal e censurou que a Consellería de Medio Ambiente "non fai nada", mentres se dedica a "fiscalizar os demais". "Niso é un campión", remarcou, en alusión ao estudio encargado pola Xunta sobre os prazos de chegada do AVE.

"É outra certificación falsa máis", apostilou o socialista na súa última quenda, para lamentar que o PP "confunde o seu desexo de paralizar o país coa realidade". "Ladran, logo cabalgamos", concluíu.

Na quenda de peche do debate, o conselleiro criticou que a oposición intente "reescribir a historia á súa conveniencia" e incidiu en que o bipartito só obrou "nun único tramo" da VAC Costa Norte, polo que considerou "hipócrita" o seu discurso. En canto ao tramo estatal, recordou que foi iniciado por un Goberno do PP en Madrid e que está "na mesma situación" que en 2004.

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado