Veciños de Pontevedra, Vilaboa e Marín deseñan un espazo natural e arqueolóxico en montes dos tres municipios

Actualizado: martes, 10 enero 2012 20:40

Este venres presentan o documental 'Sete Camiños: encrucillada do tempo' para advertir sobre as ameazas que afectan á zona

PONTEVEDRA, 10 Ene. (EUROPA PRESS) -

Un grupo de veciños de Pontevedra, Vilaboa e Marín, co apoio dunha vintena de colectivos sociais, culturais e ambientais da bisbarra, propoñen a creación dun espazo natural e arqueolóxico no ámbito de Sete Camiños, situado nunha estribación da serra de Domaio que abrangue monte veciñal dos tres concellos. O obxectivo desta iniciativa é "poñer en valor o importante patrimonio ambiental, paisaxístico, histórico e cultural" da zona para desenvolver un "proxecto sostible que aposta pola xestión racional" dos recursos.

Os promotores da creación do Espazo Sete Camiños alertan da existencia de varias "ameazas" para a conservación deste ámbito, como o proxecto de instalación dun polígono industrial no monte comunal de San Xulián, en Marín, ou a ampliación da franxa de seguridade da Brilat que afecta directamente ás comunidades de montes de Lourizán e Salcedo, pertencentes a Pontevedra, e de Vilaboa.

Ambas as dúas posibilidades son "incompatibles" coa posta en marcha do Espazo Sete Camiños e "hipotecarían as posibilidades de poñer en valor o rico patrimonio deste lugar", segundo a comisión técnica que o deseñou. Pola contra, destacan a existencia de depósitos arqueolóxicos, como mámoas e petroglifos; vestixios etnográficos, como muros, fontes ou restos de antigas canteiras.

O Espazo Sete Camiños tamén presenta elementos naturais de interese, como miradoiros e formacións rochosas singulares. Ademais, dentro do apartado de patrimonio inmaterial, o equipo técnico do proxecto recolleu, entre os habitantes das catro parroquias, lendas tradicionais e toponimia da zona.

DOCUMENTAL

Para dar a coñecer este enclave, os promotores do proxecto realizaron un documental audiovisual que, tras dous anos de traballo, se estreará o venres 13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra, co título 'Sete Camiños: encrucillada do tempo'. Trátase dunha coprodución da Sociedade Antropolóxica Galega e Faro de Ons Producións na que, ao longo de 45 minutos, se xustifica a necesidade de preservar o ámbito grográfico de Sete Camiños, o Monte Pornedo e o Monte Catadoiro.

O realizador e arqueólogo Lukas Santiago, xunto co antropólogo e economista Rafael Quintía, son os responsables do guión e a dirección deste audiovisual, que tamén conta con Joao Bieites na realización técnica.

Tras a presentación en Pontevedra, 'Sete Camiños: encrucillada do tempo' exhibirase tamén en Marín, Vilaboa e outras localidades da bisbarra. A comisión técnica do proxecto Sete Camiños tamén organizará rutas de senderismo polos sete quilómetros que mide o itinerario, percorrendo diversos complexos rupestres, puntos de interese etnográfico e paisaxístico.