SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Mar. (EUROPA PRESS) -
O 38,3% dos fogares galegos ten contratada unha conexión de Internet de banda ancha, o que deixa á comunidade 13 puntos por debaixo da media estatal, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) achegados hoxe pola Xunta.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presidiu hoxe o primeiro pleno do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), no que se presentou un estudio acerca da implantación das tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia.
Os datos relativos ao ano pasado determinan que o 58,5% dos fogares galegos ten algún ordenador, fronte a unha media estatal do 66,3%. Os ordenadores de sobremesa están no 44% das vivendas e os portátiles no 31,6%. Ademais, o 42,3% dos fogares ten conexión a Internet. A conexión de banda ancha chega ao 38,3%, fronte ao 51,3% de media en toda España.
O 54,3% dos galegos usaron o ordenador nos últimos tres meses, o que deixa a Galicia case nove puntos por debaixo do conxunto estatal. A porcentaxe de cidadáns que se conectou a Internet nese período foi do 49,8%, fronte ao 59,8% de todo o Estado. O "dato positivo", destacou Pereira, é que a xuventude é "moi activa" e, de feito, a franxa de entre 16 e 24 anos, conectouse a Internet por enriba da media española (un 94,1% fronte ao 92,3%).
O estudio reflicte tamén que case un 30% da poboación galega (máis de 786.000 fogares) non pode acceder na actualidade a unha conexión de banda ancha e destaca que as provincias de Lugo e Ourense son "as máis castigadas", pois ambas as dúas superan o 40% neste indicador. Nas provincias atlánticas, non obstante, a porcentaxe cae ata o 24%, co que se evidencia a "falta de vertebración territorial".
Ademais, o 90% dos xulgados de paz, o 75% dos centros educativos e o 70% dos sanitarios non pode conectarse con banda ancha ou ten un servizo insuficiente, segundo o informe, que ve "preocupantes" estes datos. No campo da demanda empresarial de conexións de alta velocidade, o 16,1% non está cuberta.
O estudio revela tamén que o número medio de alumnos por ordenador é de 6,3 (a media estatal está en 6,1), de modo que conclúe que Galicia fixo unha "evolución positiva" nos últimos anos. En canto á conexión a Internet, o 98,1% dos centros dispón dela.
MÁIS COMPRAS POR INTERNET
En canto ás compras por Internet, a poboación galega avanza no uso desta vía, aínda que, cun 13,7%, permanece por detrás da media estatal (un 15,7%). Non obstante, os máis novos volven situarse por enriba na compra online e o 23,5% recorre a esta vía, o que o sitúa 4,6 puntos por enriba da media.
De acordo con estes datos, a fenda entre as localidades máis grandes e as menores permanece, de modo que nos núcleos de entre 50.000 e 100.000 habitantes o 57,7% dos fogares ten conexión a Internet; fronte ao 28,5% nos de menos de 10.000 habitantes (a media é do 42,3%).
EMPRESAS
Tamén se mantén o mesmo comportamento no caso das empresas. Así, o 89,3% das que teñen máis de dez empregados teñen conexión de banda ancha, pero só o 46,7% das que teñen menos dunha decena de empregados --as microempresas, que representan o 95% do tecido galego-- conéctase a Internet.
O sector empresarial das TIC contaba en 2009 con 1.542 empresas en Galicia, que daban traballo a 16.327 traballadores, o que representa o 1,59% da poboación ocupada na comunidade.
Á vista dos datos, Mar Pereira apostou por continuar avanzando na implantación e uso das TIC, pois queda "un grande camiño por diante", dixo.