Amencer creará en Pontevedra o primeiro parque temático de estimulación de España

Actualizado: viernes, 9 mayo 2008 20:47

PONTEVEDRA, 9 May. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Pais de persoas con Parálise Cerebral e Afíns (Amencer) converterá o Xardín do Centro de Atención Integral que ten en Lourizán-Pontevedra no primeiro Parque Temático de Estimulación Sensorial de España e será, ademais, o primeiro parque dotado con bambáns adaptados para persoas con cadeira de rodas ou dificultades motoras.

Trátase dun Parque-Xardín pioneiro que Amencer pon en marcha para mellorar a estimulación das persoas con Minusvalidez, que poderá ser gozado non só polo seu centenar de socios, senón tamén por outras entidades coas que se poderán organizar actividades conxuntas.

Amencer-Aspace explicou que esta iniciativa xorde como un complemento ao traballo que se está a desenvolver nas Aulas multisensoriais, denominados Snoezelen, cuxa finalidade é a estimulación de todos os sentidos (olfacto vista, gusto, oído e tacto) a través de diferentes aparatos que emiten aromas, paneis de cores, tubos de burbullas ou piscina de bólas de cores, que se integran como unha Terapia máis nos Centros dos que é titular Amencer.

Esta transformación como Parque Temático, dotará este terreo de zonas diferenciadas, Aromáticas, cromáticas e acuáticas aproveitando os propios recursos que proporciona a Natureza para obter uns resultados de Estimulación Sensorial, non beneficiando en exclusiva ás persoas con minusvalidez, senón a toda a poboación en xeral.