SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Feb. (EUROPA PRESS) -
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) destacou hoxe a creación do Centro de Documentación na súa páxina web como "un lugar referencial" para "dar a coñecer os escritores galegos e a súa obra", a través da dixitalización de documentos e a súa publicación en internet.
Nun comunicado, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, mantivo hoxe unha reunión coa directora xeral de Promoción Industrial da Sociedade da Información, Helena Veiguela, a quen explicou as actuacións levadas a cabo dentro do marco de colaboración coa Consellería de Innovación e Industria.
Precisamente, sinalou que cada un dos asociados "ten agora unha páxina web persoal na que presentar a súa obra", ademais da inclusión de versións en distintos idiomas dos contidos e de novas seccións, como 'O territorio das Letras'.
Por outro lado, recordou que tamén crearon a editorial dixital 'AELG Editora' a partir dun software que permitiu a recepción de borradores, o seu envío automático a un conselo de avaliación e a publicación automática das obras.
Finalmente, detallou a ampliación de contidos didácticos da páxina web da asociación, mediante a inclusión de 60 novas unidades didácticas para 68 talleres de creación literaria.