SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 Nov. (EUROPA PRESS) -
O municipio coruñés de Betanzos incorpórase dende hoxe á Rede de telecentros da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. Os veciños desta localidade teñen á súa disposición dende hoxe 20 ordenadores na Casa da Cultura.
O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, e o alcaldesa de Betanzos, María Dolores Faraldo, inauguraron hoxe o telecentro de comunicación do municipio, sito na Oficina de Información Xuvenil. O alcalde de Santa Comba, Miguel Pérez Fernández, a través de videoconferencia, deu a benvida ao municipio de Betanzos á Rede de telecentros de Comunicación.
Co novo espazo creado en Betanzos, o citado departamento autonómico pretende achegar aos veciños as novas canles de comunicación, convertendo este telecentro de comunicación nun espazo apropiado para iniciarse no mundo da comunicación audiovisual e a alfabetización dixital.
A Secretaría Xeral de Comunicación colabora coa dotación e instalación de equipos audiovisuais e multimedia, así como co seu mantemento tecnolóxico. Ademais, incorpora o municipio á Rede de telecentros de Comunicación (RTC) para que se beneficien do traballo en colaboración en rede e da comunidade virtual. A inversión do departamento autonómico para a posta en marcha dese telecentro de comunicación foi de 120.000 euros.
DINAMIZACIÓN
Ademais de dotar o telecentro de Betanzos de 20 terminais de ordenador, a Xunta de Galicia pretende dotalo de dinamismo, para o que se están a desenvolver proxectos que permiten aproveitar as sinerxías que xorden entre a administración autonómica e a local.
Segundo explicou Fernández Iglesias, un dos obxectivos da Secretaría Xeral de Comunicación é converter o telecentro de comunicación "nun punto de encontro dentro do municipio", conseguindo incorporalo como "alternativa habitual" na axenda de tempo libre da cidadanía.
Asociacións e colectivos de todo tipo poden utilizar este telecentro de comunicación para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais ou conferencias.
Actualmente, forman parte desta rede as localidades de A Coruña, Abegondo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Melide, Muros, Ribeira, Santa Comba, Santiago, Vedra e Vimianzo na provincia da Coruña; A Fonsagrada, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso e Viveiro, en Lugo; O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín e Xinzo de Limia, en Ourense; e A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Marín, Redondela, Tui e Vigo, en Pontevedra.