SANTIAGO DE COMPOSTELA 5 Mar. (EUROPA PRESS) -
O BNG presentará no Parlamento autonómico e nos concellos unha iniciativa para que o Ministerio de Industria garanta que "todo o rural galego" poida dispoñer de internet cunha calidade mínima dun mega e "cun prezo similar" ao que existe nas zonas urbanas.
En rolda de prensa, o voceiro de Industria e Innovación do BNG, Fernando Blanco Parga, asegurou que non é satisfactorio o Plan de Extensión da Banca Ancha (PEBA) posto en marcha por Industria en 2005 e adxudicado en Galicia a Telefónica pois "no formal dá unha zonas de cobertura" que non contan na realidade con este servizo.
Así, recordou que dos 49.000 núcleos de poboación aos que se prevé dotar de novas tecnoloxías en España co PEBA, 27.000, "o 55 por cento, están en Galicia", pero denunciou que "Telefónica considera que unha zona está cuberta cando dá servizo ao 80 por cento da súa poboación".
Por iso, Blanco Parga argumentou que este cálculo "deixa fóra a 220.000 dos 1.100.000 galegos" que se poderían beneficiar deste plan. Ademais, denunciou que "a calidade" que reciben é moi inferior, pois é de entre 256 e 512 kbps cando nos ámbitos urbanos van dende un ata 10 megas.
AUMENTA A BRECHA DIXITAL.
O parlamentario nacionalista considera que co PEBA a brecha dixital entre Galicia e a media española, lonxe de acurtase, estase a incrementar", pois denunciou que "o 40 por cento dos galegos que non teñen banda ancha din que é por falta de conexión na súa zona".
Segundo os cálculos de Telefónica, en Galicia só restarían sen servizo 1.764 núcleos de poboación, pero Blanco Parga reiterou que estas estimacións "no formal dá unhas zonas de cobertura" que despois non se corresponden coa posibilidade de acceso.
Pola súa banda, o voceiro do grupo parlamentario nacionalista, Carlos Aymerich, denunciou que o Estado "insiste en desbaratar" as estratexias da Xunta de fixar poboación no rural e conseguir un reequilibrio territorial e puxo como exemplos a mala cobertura de novas tecnoloxías e deixar de repartir o servizo postal en zonas consideradas especiais.