Caixa Galicia incorporará desde esta semana nas súas tarxetas a nova tecnoloxía chip, que a UE fixa para 2010

Actualizado: lunes, 2 febrero 2009 9:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Feb. (EUROPA PRESS) -

Caixa Galicia comezará, a partir de hoxe, a incorporar nas súas tarxetas a nova tecnoloxía chip, de modo que se adianta en case dous anos ao prazo límite previsto pola Unión Europea (UE), que fixou como tope para este cambio no sector financeiro decembro de 2010. Deste xeito, Caixa Galicia convértese na primeira entidade financeira da Comunidade galega en implantar a nova tecnoloxía EMV-CHIP nas súas tarxetas.

A partir de hoxe, os clientes da caixa irán substituíndo progresivamente as súas tarxetas tras completar a entidade a migración dos máis de 1.200 caixeiros automáticos e dos 16.000 terminais punto de venda en comercios cara á nova tecnoloxía.

Segundo explicou a entidade financeira, esta tecnoloxía permite proporcionar aos clientes "a maior seguridade posible" en todas as súas operacións e "minimizar" o risco de fraude por perda ou roubo.

Precisamente, o modo de utilización nos comercios será moi similar ao dos comercios, posto que o cliente deberá teclear o seu número secreto (PIN) sen necesidade de firmas e nun mínimo tempo.