Caixanova lanza unha canle de televisión interactiva pioneira nas caixas que permite realizar operacións

Actualizado: miércoles, 16 mayo 2007 17:00

O sistema posibilitará realizar dende casa operacións de banca electrónica dende o televisor

VIGO, 16 May. (EUROPA PRESS) -

Caixanova porá en marcha unha canle de televisión interactiva pioneira nas caixas de aforros españolas polo que os usuarios poderán acceder a información das ofertas financeiras e culturais da entidade e tamén realizar operacións como transferencias, así como contratar empréstitos ou comprar accións.

Así o afirmou hoxe o director xeral da caixa de aforros, José Luis Pego Alonso, durante a presentación deste novo soporte que, baixo a denominación CXN TV, instalarase nas tres próximas semanas nunhas 30 oficinas bancarias de Galicia e que nun prazo de seis meses, se estenderá aos centros culturais de Caixanova.

Segundo explicou Pego, existirán tres tipos de pantallas que ofrecerán distintos servizos. Así, se colocarán receptores enriba dos mostradores das sucursais, co fin de que os clientes poidan visualizar a información mentres esperan a súa quenda nos portelos.

No interior das oficinas tamén se instalarán outros monitores táctiles, mediante os cales se poderá consultar información sobre as actividades culturais e a obra social de Caixanova, así como obter información sobre os produtos financeiros.

Noutra fase posterior, tamén se instalarán paneis exteriores, como os luminosos que posúe a caixa en zonas de Vigo como a Praza de América ou o cruzamento das rúas Urzáiz e Gran Vía.

OPERACIÓNS TELEMÁTICAS

Por outra banda, Pego explicou que os contidos deste novo sistema de comunicación se irán ampliando, con información meteorolóxica e outro tipo de noticias, co obxectivo final de instalarse nos fogares mediante a televisión dixital terrestre, co servizo da operadora galega R.

Segundo comentou Pego, tamén se poderán realizar dende casa operacións de banca electrónica "con só pulsar un botón do mando da televisión", entre as que se inclúen transaccións e a simulación de solicitudes de empréstitos, para que os clientes poidan calcular as cotas a pagar. Así mesmo, poderán contratar empréstitos e mesmo acceder a servizos de broker, para adquirir títulos no mercado de valores.

CAIXA ELECTRÓNICA

Actualmente, un 20 por cento dos clientes de Caixanova utilizan os servizos de caixa electrónica a través de internet. Co novo sistema televisivo, a entidade crediticia espera alcanzar o 70 por cento no prazo dun ano ou ano e medio. Neste sentido, Pego recordou as vantaxes dun modelo que permite evitar "a espera en colas e sen detrimento da calidade do servizo".

Pola súa banda, o presidente de Caixanova destacou que este "invento está xestionado por galegos", posto que é un proxecto no que participan a produtora Filmanova e a xestora de software Zozo, ambas as dúas participadas por Caixanova.

Nese sentido, o presidente de Filmanova, Antón Reixa, referiuse a esta iniciativa como un "desafío narrativo", posto que Caixanova permite crear "un guión apaixonante", ao tempo que recalcou que esta iniciativa marcará "o futuro da comunicación audiovisual", con información en soportes como televisión dixital, internet ou a telefonía móbil.