Actualizado 03/02/2009 20:28 CET

Castrosua recibe o III Premio euroforo Empresarial pola súa capacidade de innovación

A CORUÑA, 3 Feb. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega Carrocera Castrosua, dedicada dende hai máis de 60 anos á fabricación de autobuses urbanos e líder do sector carrocero nacional, recibiu hoxe o III Premio euroforo Empresarial pola súa capacidade de innovación e a súa estratexia empresarial.

O ministro de Cultura, César Antonio Molina, entregou ao presidente da compañía, José Castro Suárez, o galardón, nun acto que se celebrou esta tarde no Paraninfo da Universidade da Coruña coa presenza, entre outras autoridades, do conselleiro de Economía, José Ramón Fernández; o alcalde da cidade, Javier Losada, e o reitor da Universidade herculina, José María Barja.

O galardón euroforo Empresarial recoñece a proxección exterior das empresas xurdidas en Galicia e busca tamén revalorizar o empresariado galego. Nas dúas anteriores edicións o premio recaeu na sociedade cooperativa láctea Feiraco e o grupo Sargadelos.

En declaracións aos xornalistas, José Castro expresou a súa satisfacción por este premio e atribuíu o éxito da empresa "ao seu equipo humano e á innovación continua", indicou.

No actual contexto de crise económica, asegurou que non "hai receitas", aínda que recomendou ás empresas ser realistas "e estar cos pés no chan", ademais de administrar ben os seus recursos. Manifestou tamén que a actual situación económica pode favorecer a "alianza" entre empresas, aínda que precisou que Castrosua non se formula esa posibilidade.