A Cidade Tecnolóxica de Vigo estará en 2009 e xa conta con máis do 85% da superficie reservada

A Xunta achegará preto de 5 millóns de euros para a construción e posta en marcha da iniciativa

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 4 diciembre 2007 16:12

VIGO, 4 Dic. (EUROPA PRESS) -

O reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, afirmou hoxe que as obras da primeira fase da Cidade Tecnolóxica de Vigo (Citexvi), que se situará no campus da cidade olívica e contará cunha inversión total de 12,3 millóns de euros, concluirán no primeiro trimestre de 2009, ao tempo que destacou que, actualmente, existen reservas para máis do 85% do solo dispoñible.

O reitor vigués, representante da entidade Citexvi S.A., que xestiona a cidade tecnolóxica, asinou hoxe un convenio de colaboración co conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, polo que o departamento autonómico destinará preto de cinco millóns de euros, repartidos en tres anualidades, para a creación de proxectos de execución, a creación de infraestruturas físicas así como os investimentos para a posta en marcha deste espazo tecnolóxico.

Mediante este acordo realizaranse as obras correspondentes á primeira fase do proxecto. Este abranguerá un espazo total de 6.700 metros cadrados, dos que máis de 3.500 metros cadrados se destinarán ao aloxamento, en diversos módulos, de proxectos en I+D+i, mentres que o resto serán para servizos comúns. Así mesmo, a superficie total das parcelas que conforman o proxecto, co obxectivo de amplialo en futuras fases, alcanza os 40.000 metros cadrados.

Gago incidiu en que, tanto empresas de base tecnolóxica como centros de investigación realizaron reservas de uso de chan que en total, superan máis do 85% do espazo dispoñible na primeira fase. Debido a este alto grao de demanda, avogou por "non comprometer nada máis", ante a posibilidade de que finalmente non existise sitio abondo para albergar iniciativas da propia universidade.

Segundo explicou, xa comezaron as obras da primeira fase, na que Innovación investirá 4,9 millóns de euros. O máximo representante universitario tamén afirmou que xa se comezou a traballar nunha segunda fase do proxecto, debido á cantidade de solicitudes de espazo que se rexistran.

CONVENIO.

Gago destacou que o convenio asinado hoxe, que dá carácter oficial á colaboración entre as partes, servirá para a posta en marcha dunha iniciativa que terá o obxectivo de converterse nunha "referencia en políticas de I+D+i".

Pola súa banda, o conselleiro de Innovación mostrouse consciente da "necesidade de dotar de solo industrial adaptado" para que as iniciativas con base tecnolóxica poidan desenvolver a súa actividade, posto que a creación de parques tecnolóxicos en Galicia é unha "materia pendente".

Así mesmo, lembrou que os resultados das políticas de innovación se ven a "medio e longo prazo" polo que considerou que, falar de resultados en curtos períodos de tempo, é "enganar os cidadáns".

Segundo o convenio asinado hoxe, Innovación concede unha subvención de 4,9 millóns de euros, dos cales, preto do 77%, uns 3,8 millóns, se destinarán á execución da obra. A contía total repartirase en tres anualidades, polo que este ano se achegarán 997.871 euros, en 2008 1,74 millóns e 2,24 millóns en 2009.

Citexvi é unha entidade participada pola Universidade de Vigo, o consorcio da Zona Franca, Caixanova e a Xunta e que ten o obxectivo de construír, poñer en servizo e explotar de edificios dedicados a actividades de I+ D+i, potenciando así a transferencia do coñecemento entre a iniciativa privada e a pública.

Contenido patrocinado