Dous galegos idean un punteiro afinable que permite aos gaiteiros tocar melodías sen desafinar nunca

Os creadores investiron seis anos en desenvolver o sistema, ao que destinaron máis de 120.000 euros

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 2 marzo 2008 16:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Mar. (EUROPA PRESS) -

Dous artesáns galegos inventaron o 'punteiro afinable' que permitirá aos gaiteiros tocar pezas musicais sen desafinar en ningún momento, o que suporá unha "revolución" para o mundo da gaita no ámbito mundial.

Os artífices deste novo mecanismo, o artesán Lis Latas e o responsable de calidade do Obradoiro de Gaitas Lis, Pepe Vaamonde, escolleron o Museo do Pobo, situado en Santiago de Compostela, para presentar hoxe o seu dispositivo.

Lis Latas explicou que o 'punteiro afinable' nace da necesidade dos gaiteiros de dispoñer dun instrumento que non desafine e supuxo seis anos de investigacións e un investimento propio superior a 120.000 euros.

Neste senso, aclarou que as condicións meteorolóxicas condicionan o son que emite a gaita e sinalou que, cando un músico toca unha gaita tradicional a unha temperatura ambiente diferente ás de 21 graos -- temperatura óptima para tocar a gaita -- , o instrumentista ha de levar a cabo modificacións na 'palleta' -- elemento a través do cal salgue o aire -- ou o punteiro -- parecido a unha frauta -- .

O segundo creador do dispositivo, Pepe Vaamonde, indicou que en condicións meteorolóxicas adversas, o gaiteiro ten dúas opcións: intercambiar punteiros de diferentes tamaños ou modificar a textura da 'palleta' -- fregándoa, por exemplo -- . "E aínda así, a afinación non estaría garantida", puntualizou.

REVOLUCIÓN.

Vaamonde explicou que as cinco partes móbiles nas que está dividido o punteiro permite que o gaiteiro non teña que modificar a 'palleta' e sinalou que o 'punteiro afinable' garante en todo momento a afinación do instrumento.

Por iso, os dous inventores destacaron a utilidade "internacional" deste novo mecanismo, posto que o 'punteiro afinable' é aplicable a calquera tipo de gaita, tanto galegas como doutras culturas. "Revolucionará o mundo da gaita", concluíron. Por iso non descartan comercializalo a nivel internacional.

CARACTERÍSTICAS E VANTAXES.

O 'punteiro afinable', que sae ao mercado cun prezo de 550 euros, está formado por cinco partes móbiles e independentes e a súa lonxitude pode ser modificada polo gaiteiro en función das súas necesidades para conseguir a afinación desexada.

Nesta liña, os creadores destacaron as vantaxes deste mecanismo e citaron en primeiro lugar a posibilidade que ofrece aos aprendices gaiteiros porque, sen necesidade de dominar o instrumento, tocarán melodías sen ningunha nota discordante.

Como segunda vantaxe aludiron ás facilidades que supón para os profesionais ao non ter que inverter tempo en corrixir os desaxustes sonoros e solucionar con "rapidez" os problemas de afinación da gaita tradicional.

SEN APOIO PÚBLICO.

Por outro lado, Lis Latas explicou que tanto el como Pepe Vaamonde inverteron un total de seis anos para desenvolver o punteiro, dende 2002, pero puntualizaron que ao ano seguinte Vaamonde tocou por primeira vez nun concerto con este mecanismo. "Aínda si, preferimos seguir perfeccionando o punteiro", aclararon.

Preguntados se obtiveran algún apoio institucional, Latas sinalou que eles mesmos asumiron o financiamento da investigación e calculou en máis de 120.000 euros o investimento total.

"A Xunta opta por investir en iniciativas destas características cando un proxecto é totalmente fiable", lamentou e engadiu que este ano participarán nas axudas que a Consellería de Innovación convoca na categoría de inventos artesanais.

DEMOSTRACIÓN.

O peche de presentación deste punteiro correu a cargo de oito gaiteiros galegos profesionais que, acompañados polos instrumentos de tres músicos convidados, tocaron 'Farruquiña chama á porta' para que o público comprobase a eficacia do mecanismo.

Pepe Vaamonde e o seu irmán Suso, Xosé Manuel Budiño, Iván Costa, Edelmiro Fernández, Brais Monxardín, Anxo Lois Pintos e Bruno Villamar foron os responsables de amenizar o acto co son das súas gaitas.

Contenido patrocinado